A Xunta e Cruz Vermella colaboran para formar a persoas desempregadas no ámbito da atención sociosanitaria
O delegado territorial, Javier Arias, visitou aos participantes nun dos cursos AFD que se imparten na provincia acompañado da nova presidenta da entidade en Lugo, Ana Linares
Subliñou o traballo do colectivo en favor da inclusión social e laboral a través de diferentes programas apoiados polo Goberno galego
Lugo, 9 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou hoxe a colaboración con Cruz Vermella de Lugo na formación para o emprego a través do plan AFD - accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas-.
Arias visitou aos participantes nun curso sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais acompañado da nova presidenta de Cruz Vermella en Lugo, Ana Linares.
Explicou que en Viveiro e Monforte de Lemos estanse a impartir outros cursos sobre esta mesma materia; mentres que tamén en Viveiro e en Chantada se están a programar dous módulos profesionais sobre intervención na atención hixiénico-alimentaria en institucións, que lle permitirán ás persoas alumnas continuar o seu itinerario formativo e a progresión ata acadar ese certificado profesional de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración achega un total de 177.000 euros para financiar as actividades.
O delegado lembrou que os cursos AFD céntranse en especialidades demandadas polo tecido económico. Explicou que no período 2024-2025, a Xunta apoiou 16 cursos de Cruz Vermella na provincia cunha achega que ronda os 500.000 euros. Ademais do eido sociosanitario, tamén se deron clases para mellorar competencias básicas en áreas transversais como as matemáticas ou a comunicación en lingua galega e castelá, entre outras.
Axudas para contratación laboral
Arias valorou o traballo realizado polo colectivo para favorecer a inclusión sociolaboral na provincia. Subliñou a colaboración do Goberno galego a través das axudas para contratar a persoas desempregadas co fin de realizar servizos de interese social, que permitiu formalizar dous contratos en Lugo ao abeiro da convocatoria de 2025 e tres na de 2024.
Programas sociais
O delegado tamén se referiu á cooperación co colectivo para desenvolver diferentes programas sociais. Nese sentido, explicou que a Consellería de Política Social e Igualdade destina neste exercicio 1,4 millóns de euros a apoiar proxectos impulsados por Cruz Vermella na comunidade, centrados na atención ás vítimas de violencia de xénero; información e sensibilización en materia de trata con fins de explotación sexual; así como diversas actuacións de inclusión social. No ámbito familiar, destaca o programa de familias acolledoras e as subvencións con cargo ao IRPF.
Por último, Arias salientou que a Xunta publica hoxe no DOG a actualización dos módulos económicos para financiar os custos das prazas concertadas de atención diúrna e residencial a persoas dependentes, unha medida moi agardada polas entidades sociais como Cruz Vemella para adaptar os prezos ás variacións dos custos dos servizos.