O conselleiro de Sanidade interveu no acto de clausura da Xornada 'Medicina personalizada e de precisión, retos e oportunidades no Servizo Galego de Saúde'
Gómez Caamaño sitúa Galicia á vangarda da medicina personalizada e de precisión co impulso das plataformas de información xenética
Destaca a Estratexia de Oncoloxía de Precisión de Galicia, que impulsa o salto cara á xenómica e ao diagnóstico molecular avanzado
Pon en valor o Comité molecular de tumores, que garante rigor científico, avaliación multidisciplinar e equidade no acceso aos diagnósticos e terapias avanzadas
Pon en valor a aposta do Servizo Galego de Saúde pola incorporación dos hospitais públicos á rede europea de centros de referencia fronte ao cancro
Remarca proxectos como Xenoma Galicia, que marca un antes e un despois na prevención do cancro
Subliña a presenza de Galicia en diversas iniciativas europeas relevantes como a Acción conxunta de medicina personalizada en cancro
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, situou Galicia á vangarda da medicina personalizada e de precisión co impulso das plataformas de información xenética. Así o manifestou nunha Xornada sobre medicina personalizada e de precisión: retos e oportunidades no Sergas, celebrada no edificio administrativo de San Lázaro.
Neste encontro, o conselleiro destacou a Estratexia de Oncoloxía de Precisión de Galicia, que impulsa o salto cara á xenómica e ao diagnóstico molecular avanzado, e coa que se abren novas portas para as que é necesario seguir identificando novos biomarcadores e desenvolvendo terapias dirixidas e fármacos innovadores.
O conselleiro incidiu en que o reto é lograr alternativas que sexan eficaces contra a enfermidade e, ademais, reduzan o impacto na calidade de vida dos pacientes.
Ao respecto, Gómez Caamaño destacou iniciativas como SiGenES ou a implantación da nova plataforma xénica, que permite integrar e compartir información xenómica para explotar a súa utilidade clínica e facilitar a toma de decisións. Tamén puxo en valor o Comité molecular de tumores, que garante rigor científico, avaliación multidisciplinar e equidade no acceso aos diagnósticos e terapias avanzadas.
Na súa intervención, o conselleiro salientou a aposta que está a realizar o Servizo Galego de Saúde para a integración dos seus hospitais públicos na rede europea de centros de referencia fronte ao cancro.
Xunto ao anterior, Gómez Caamaño subliñou proxectos que marcan un antes e un despois na prevención do cancro, como é o caso do Proxecto Xenoma Galicia, liderado polo doutor Ángel Carracedo.
Iniciativas europeas
O conselleiro referiu que Galicia está presente en iniciativas europeas tan relevantes como a Acción conxunta de medicina personalizada en cancro, ou proxectos transfronteirizos como EQUIO, que busca, xunto co norte de Portugal, garantir a cohesión e a innovación na atención ao paciente oncolóxico.
Toda esta presenza internacional sitúa Galicia á altura dos sistemas máis avanzados.
O máximo responsable do Sergas recordou, ademais, que o vindeiro ano será determinante en materia de medicina personalizada e de precisión, coa posta en servizo do Centro de Protonterapia de Galicia e co inicio da produción dos CAR-T propios no Centro de Terapias Avanzadas da comunidade.
Tamén incidiu en que o modelo sanitario galego é capaz de incorporar o mellor da ciencia, da tecnoloxía e da experiencia clínica, para ofrecer unha atención excelente, adecuada ás necesidades de cada persoa.