A Xunta reafirma o seu compromiso co impulso ao transporte metropolitano en Ourense
A directora xeral de Mobilidade abordou no Parlamento a situación do servizo na área de influencia da cidade ourensá e afondou nas melloras implantadas polo Goberno galego para fomentar o uso do autobús
Judit Fontela incidiu na ampla cobertura do autobús interurbano na contorna, con 14 conexións que ofrecen máis de 96.000 servizos
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, abordou hoxe no Parlamento a situación do transporte metropolitano na área de influencia da cidade de Ourense, co que reafirmou o compromiso do Goberno galego. Así, lembrou que a Xunta intentou impulsalo en reiteradas ocasións, sen que fose posible chegar a acordo, e implantou melloras para fomentar o uso do autobús por parte da cidadanía ourensá, ademais de atender as demandas dos concellos da área.
Nesta liña, referiuse á activación da tarxeta Xente Nova en toda a provincia de Ourense no ano 2020, cando nese momento só funcionaba nas cinco áreas de transporte metropolitano constituídas en Galicia, isto é, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Vigo. Salientou tamén a sinatura ese mesmo ano do convenio de colaboración co concello de Barbadás para rebaixar o prezo de todas as viaxes en autobús dentro do municipio e con Ourense, así como activar outros descontos sociais para estudantes, pensionistas e persoas en situación de emerxencia social. Con este acordo, Barbadás bonificou máis de 370.000 viaxes en 2024.
A maiores, en resposta ás demandas dos concellos e ás necesidades de mobilidade detectadas, este ano ampliáronse os servizos ao Hospital do Piñor, reactivouse a liña que une durante a tempada de verán A Valenzá con Ourense e o parque acuático de Monterrei, melloráronse os servizos ao parque empresarial do Pereiro de Aguiar e a Monterrei, así como as conexións co centro de saúde, e activáronse melloras nos servizos ao polígono de San Cibrao das Viñas.
Así mesmo, Fontela incidiu na ampla cobertura do autobús interurbano na contorna de Ourense, con 14 concesións que ofrecen máis de 96.000 servizos ao ano. Segundo apuntou, esta rede de servizos conecta puntos destacados na demanda como a estación intermodal, a contorna do hospital, o campus universitario e polígonos industriais. Segundo indicou, a maioría dos desprazamentos prodúcense entre as localidades da área e a capital, Ourense, polo que insistiu na importancia de que este municipio se incorpore a sistema de transporte metropolitano unha vez o Concello resolva o contrato de autobús urbano