Meaño mellora a eficiencia enerxética do pavillón do Xil grazas a unha achega da Xunta de preto de 120.000 euros

O delegado territorial destacou a importancia de levar a cabo obras que diminúan os gastos correntes dos concellos, así como o seu impacto ambiental

A subvención permitiu a instalación de placas solares, así como a un novo sistema de aerotermia e de iluminación eficiente

Meaño, 10 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Meaño con motivo das obras de  mellora da eficiencia enerxética do Pavillón do Xil.

Así, o concello contou cunha achega da Xunta de preto de 120.000 euros o que supón o 80% do investimento total e que permitiu realizar tres actuacións clave. Por un lado, instalouse un novo sistema de placas solares que reducirá significativamente o gasto enerxético e a pegada de carbono do edificio.

Ademais, xa non serán necesarios os antigos equipos portátiles de propano, xa que o pavillón conta agora cun novo sistema de aerotermia a través dunha moderna bomba de calor. Por último, instalouse un sistema de iluminación eficiente, capaz de axustarse de forma automática á cantidade de luz natural existente en cada momento.

O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a importancia de apostar por “edificios máis eficientes enerxéticamente, non só para diminuír os gastos correntes dos concellos, senón tamén para reducir o seu impacto ambiental”.

Cabe destacar que o financiamento desta obra encádrase na Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027, que ten como obxectivo  contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático. Na área territorial de Pontevedra beneficiáronse desta liña de axudas oito concellos por valor de máis de 856.000 euros.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/12/2025