A Xunta avalía co concello de Oleiros as necesidades de transporte público do municipio
A directora xeral de Mobilidade e o alcalde abordaron a situación actual e os traballos en marcha para buscar solución axeitadas
A xuntanza permitiu avanzar na análise das propostas municipais e reforzar a canle de diálogo entre ambas as administracións
Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe co alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, para avaliar a situación actual do transporte público no municipio e continuar o diálogo institucional iniciado nos últimos meses. Durante o encontro revisáronse as necesidades trasladadas polo Concello, así como diversas cuestións referidas ao funcionamento das liñas que dan servizo ao municipio. A Xunta expuxo o estado dos traballos en marcha e a análise técnica das propostas, co fin de avanzar en alternativas equilibradas e compatibles co Plan de Transporte Público de Galicia.
No marco desta revisión, abordouse a recente mellora introducida na urbanización de Xaz, onde o pasado 3 de novembro se incorporou unha nova parada na liña Entrexardíns – Santa Cruz – Pousada, o que supuxo aumentar a oferta con 12 servizos diarios adicionais, cinco con saída desde A Coruña e sete desde Oleiros. Esta actuación responde á vontade de reforzar a conexión desta zona coa contorna metropolitana.
Tamén se tratou a petición de prolongar o percorrido da liña San Pedro de Nós – Entrexardíns ata a igrexa de San Pedro de Nós. Explicouse que unha extensión completa incrementaría a duración da ruta e podería dificultar o mantemento das frecuencias actuais, o que afectaría a outros viaxeiros. En todo caso, ante a solicitude do Concello, estase a avaliar a posibilidade de realizar esta prolongación nalgunhas franxas horarias. Lembrouse, ademais, que esta área xa dispón de servizos coa Coruña, con 12 expedicións diarias, sete saídas desde Entrexardíns e cinco desde a parada do Vilar.
A reunión serviu igualmente para tratar a proposta municipal de reestruturar servizos para dar cobertura ao polígono de Iñás. A Xunta comprometeuse a avaliar esta proposta e emprazou ao Concello de Oleiros a abordar este tema no encontro específico a comezos de ano, no que se convocará aos concellos da contorna metropolitana para avanzar nunha análise conxunta das necesidades de mobilidade da zona.
Outro dos asuntos tratados foi a posibilidade de que a liña 1A do transporte urbano da Coruña volva prestar servizo ata Santa Cristina no período de verán. A Xunta manifestou a súa disposición a retomar un convenio similar ao que existiu no pasado, sempre que se cumpra coas obrigas económicas pendentes por parte do Concello e se aseguren as condicións necesarias para o seu equilibrio económico, tal e como establecía o acordo anterior.
Este contacto directo compleméntase co traballo desenvolvido de maneira continua nas comisións de seguimento da Área de Transporte Metropolitano da Coruña, espazos nos que se avalía conxuntamente o funcionamento do servizo e se revisan as necesidades dos distintos concellos.
A xuntanza celebrada hoxe permitiu avanzar na análise das propostas expostas polo Concello de Oleiros e reforzar a canle de diálogo entre administracións, que continuará aberta conforme se vaian completando os estudos en curso e identificando as alternativas máis axeitadas para a cidadanía.