A conselleira de Política Social e Igualdade participou hoxe en Madrid na xornada ‘Retos da atención residencial’

Fabiola García pon en valor o modelo de coidados da Xunta que sitúa a Galicia como un referente na atención ás persoas maiores

A conselleira explica que este sistema aposta pola coordinación entre o ámbito sanitario e o social, e ten como obxectivo “facer máis humanos e accesibles os centros residenciais” 

Pon en valor a modernización do sistema residencial, coa aposta polas novas tecnoloxías para mellorar a atención e as reformas de centros para que sexan máis parecidos a un fogar

Anuncia o impulso de máis de 3.500 prazas residencias ao longo desta lexislatura

Madrid, 11 de decembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor hoxe o modelo de coidados implantado pola Xunta e que ten conseguido situar a Galicia como un referente a nivel nacional na atención ás persoas maiores. Así o destacou na xornada Retos da Atención Residencial, organizada polo Grupo Senda.

Fabiola García estivo acompañada polo director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, e do director da Casa de Galicia en Madrid, Luís Ramos. Durante a súa intervención, a conselleira situou a Galicia como “sinónimo de estabilidade e rigorosidade”, e fixo fincapé en que a Xunta aposta por un modelo de atención ás persoas maiores “baseado nunha total coordinación entre o ámbito sanitario e o social”.

No acto detallou o modelo de coidados posto en marcha polo Goberno galego e que ten como obxectivo “facer máis humanos e accesibles os centros residenciais”.  A conselleira explicou que este modelo está centrado en catro piares básicos: a innovación asistencial, o aproveitamento das vantaxes que ofrecen as novas tecnoloxías, a transformación arquitectónica dos centros e a humanización dos coidados.

A conselleira anunciou o reforzo da rede autonómica de atención residencial co impulso de mais de 3.500 novas prazas ao longo desta lexislatura. Así mesmo, entre as medidas xa postas en marcha destacou a implantación en todos os centros residenciais da historia clínica electrónica, a creación dun certificado de calidade, a elaboración dun censo común estandarizado para todas as residencias ou o desenvolvemento dun plan de formación continuo para os profesionais dos centros.

Ademais, a Xunta tamén ten apostado polo impulso da modernización tecnolóxica das residencias da rede pública autonómica coa instalación de monitores multiparamétricos para medir os datos de saúde dos usuarios, a dotación de habitacións intelixentes ou a implantación de novos sistemas de rehabilitación virtual.

Nesta liña de melloras na atención, Fabiola García lembrou que proximamente crearanse dous centros de coidados intermedios en Santiago de Compostela e en Mos, nos que se atenderá a persoas que xa recibiron a alta médica pero que seguen necesitando coidados especializados.

Coidados de longa duración e de proximidade

No que atinxe a coidados de longa duración e de proximidade, Fabiola Garcia subliñou, entre outras medidas, que Galicia conta cunha pioneira rede de alzhéimer, con dez centros e 560 prazas públicas. Tamén destacou a rede de casas do maior, que entre o que resta deste ano e o que vén chegará aos case 160 recursos e as arredor de 800 prazas de atención totalmente gratuítas.

Por último, a  conselleira referiuse ás novas estratexias que se están desenvolvendo ante fenómenos recentes como o idadismo ou a soidade non desexada, e fixo fincapé na importancia que ten a colaboración público-privada para ofrecer máis e mellores recursos ao conxunto da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2025