A Xunta e o colectivo AMMIGOBS organizan o vindeiro luns en Lugo unha xornada informativa sobre a interculturalidade e inclusión
Abordará os programas de retorno e a normativa vixente en materia de estranxeiría, e vai dirixida especialmente a persoas traballadoras do ámbito social e colectivos de persoas migrantes asentados na cidade
Lugo, 11 de decembro de 2025
A Xunta e a entidade especializada no estudo de migracións AMMIGOBS organizan conxuntamente unha xornada informativa sobre interculturalidade, políticas de retorno e Lei de Estranxeiría que se desenvolverá en Lugo con motivo da celebración do Día Internacional da Persoa Migrante.
O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, e o director de AMMIGOBS, Daniel Vázquez, presentaron hoxe o encontro, dirixido principalmente a profesionais do ámbito social, entidades e servizos que traballan neste eido, así como aos colectivos de persoas migrantes asentados na cidade.
A actividade conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración e celebrarase o próximo luns 15 de decembro, ás 20,30 horas, no auditorio da Fundación Abanca. Arias explicou que o obxectivo é “ofrecer información útil e actualizada sobre os programas de retorno e a normativa vixente, ao tempo que se crea un espazo de diálogo e intercambio entre profesionais, entidades e persoas migrantes que viven en Lugo”.
O programa inclúe unha presentación do presidente de AMMIGOBS sobre os procesos de aculturación e os dereitos humanos; seguida dun relatorio sobre políticas de retorno e Lei de Estranxeiría. Ao finalizar haberá unha quenda de preguntas e un coloquio.
Aposta polo retorno
Arias incidiu na aposta da Administración autonómica polo retorno, coa ampliación dos recursos destinados a apoiar aos galegos do exterior na súa volta á comunidade autónoma. Nese sentido, destacou que as Oficinas Integrais de Asesoramento e Seguimento ao Retorno son espazos de referencia, onde se lles ofrece axuda e acompañamento nos ámbitos laboral, social e xurídico.
No que respecta á oficina de Lugo, situada no edificio administrativo da Xunta, dende a apertura do servizo en 2019 leva atendidas algo máis de 3.400 consultas, entre presenciais, telefónicas e telemáticas.
“Compromiso cunha sociedade aberta e acolledora”
Para a presentación da xornada, o delegado desprazouse ao estudio de música Lugo, situado na rúa Nóreas, “porque simboliza moi ben o espírito deste día”. O seu propietario, Robert Frías, de nacionalidade dominicana e residente na cidade desde hai catorce anos, “é un exemplo de integración e da contribución cultural e social das persoas migrantes á vida da cidade”, apuntou. Engadiu que para poñer en marcha o seu negocio, Frías contou co apoio da Xunta a través da orde de axudas destinadas á promoción do emprego autónomo.
Con este tipo de iniciativas, “reafirmamos o compromiso cunha sociedade aberta, acolledora e diversa, que recoñece o esforzo e a achega do colectivo migrante”, destacou Arias.