A Xunta financia con preto de 50.000 € a cuberta da nova pista deportiva de pádel do concello de Bande

Manuel Pardo explicou que a cuberta desta instalación foi cofinanciada pola Xunta a través dun convenio de colaboración da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes con este municipio, co fin de que que poida ser utilizada durante todo o ano pola veciñanza

O delegado territorial enmarcou esta medida no apoio da Xunta ás administracións locais e, especialmente, ás infraestruturas deportivas de carácter municipal

Ourense, 11 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Bande para, acompañado presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e da alcaldesa, Sandra Quintas, participar no acto de inauguración da nova da pista deportiva de pádel na contorna do polideportivo municipal.

O delegado territorial destacou que esta instalación conta cunha nova cuberta cofinanciada pola Xunta a través dun convenio de colaboración da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, con este municipio, cunha achega de preto de 50.000 euros, o que supón o 80 % do orzamento total da actuación.

Manuel Pardo explicou que con esta intervención, ademais de permitir a súa utilización durante todo o ano, potenciarase o deporte base dende un enfoque integral que combine a promoción da actividade física en idades temperás, co fin de fomentar estilos de vida saudables e asegurar unha formación deportiva e persoal equilibrada.

O representante do Goberno galego enmarcou esta medida no apoio da Xunta ás administracións locais e, especialmente, ás infraestruturas deportivas de carácter municipal. Así, o delegado territorial subliñou que o Goberno galego conta con diferentes liñas de axuda dirixidas especificamente á mellora destas infraestruturas ou que lle dan prioridade nos criterios de valoración. Trátase de garantir unhas instalacións coas mellores condicións de calidade, tanto para os deportistas como para as persoas afeccionadas, e fomentar así a práctica e o desfrute do deporte en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/12/2025