Villaverde pide en Bruxelas que, como mínimo, se manteñan as cotas de xarda e lirio fixadas para este ano
Rexeita os recortes propostos polo ICES para estas especies e o abadexo, tildándoos de “inadmisibles para a nosa frota”
Lembra que os estudos encargados á USC e entregados ao Ministerio e ao comisario europeo para esta negociación cuantifican nuns 65 M€ as perdas que sufriría o sector
Bruxelas, 11 de decembro de 2025
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, pediu este xoves en Bruxelas que se manteñan a cotas fixadas no 2025 para a xarda e o lirio e, para o abadexo, as acordadas nos anos 2022 e 2023. Deste xeito, a responsable autonómica rexeitaba con contundencia a proposta do ICES, que inclúe importantes recortes nestas tres especies de especial relevancia para Galicia, e que ascenden, pola mesma orde, ao 70, 41 e 26 % de rebaixa, respectivamente.
Villaverde alzou así a voz en defensa do sector marítimo-pesqueiro galego, lembrando que a nosa comunidade, altamente dependente da pesca, non pode aceptar esta postura, xa que suporía unhas perdas duns 65 millóns de euros para o sector. Así o revelan os informes socioeconómicos encargados pola Xunta á Universidade de Santiago de Compostela, e que xa foron postos a disposición do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e do propio comisario europeo de Pesca e Océanos, co fin de que se tivesen en conta na negociación que arrincou hoxe en Bruxelas.
Deste xeito, a titular de Mar reafirmou, novamente, o seu compromiso de traballar da man do sector e de acadar xunto ao Goberno “unha postura firme” na defensa dun sector que é estratéxico para Galicia e que achega unha parte esencial da produción pesqueira nacional. “Temos que ter unha resposta contundente ante a autoasignación que fan algunhas pesqueiras e evitar así que se prexudique á frota galega”, insistiu.
A responsable autonómica, que está a manter unha intensa xornada estes días en Bruxelas, detallaba que os estudos poñen cifras moi claras ao grave risco económico que conlevarían os recortes contemplados no borrador de TAC e cotas da UE.
A este respecto, advertiu que a Comisión Europea está aplicando modelos científicos que non reflicten a realidade das pesqueiras galegas, especialmente no caso do abadexo, e que estas reducións poñen en risco o emprego directo e indirecto ligado ao sector, a actividade de confrarías e portos dependentes, a viabilidade das industrias auxiliares e frigoríficas, e a cohesión socioeconómica das comunidades costeiras.