A Xunta estuda vías de colaboración co Inorde para impulsar a elaboración e transformación de produtos agroalimentarios de orixe local
Paderne de Allariz (Ourense), 11 de decembro de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión co Inorde para avanzar en posibles accións formativas dirixidas aos produtores da comarca. Entre as opcións analizadas figura a organización de talleres de elaboración e transformación de produtos agroalimentarios na antiga estación de tren de Cantoña, recentemente rehabilitada como obradoiro para o sector.
Esta iniciativa enmárcase na liña de traballo impulsada pola Consellería do Medio Rural para abrir os Centros de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) a unha nova oferta formativa centrada na elaboración, transformación, innovación e comercialización de produtos agroalimentarios. Preténdese, ademais, colaborar e apoiar a centros deste tipo por toda Galicia, co obxectivo de achegar esta formación ao conxunto do rural galego e facilitar o uso compartido das instalacións por parte dos produtores, promovendo así a profesionalización e o desenvolvemento de novos proxectos no territorio.