O conselleiro de Sanidade mantivo un novo encontro co xerente do Servizo Galego de Saúde, co director xeral de Asistencia Sanitaria e cos xerentes das áreas sanitarias para avaliar o impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco

Gómez Caamaño traslada que a folga nacional contra o Estatuto Marco causou xa a suspensión de 780 cirurxías, das cales o Sergas xa reprogramou o 50% para a vindeira semana

A xornada de folga de onte xoves supuxo a suspensión de 270 cirurxías, 610 probas diagnósticas, 6.900 consultas hospitalarias e 7.300 consultas de atención primaria

O conselleiro remarca o esforzo de planificación realizado polas xerencias e equipo directivo das áreas sanitarias para reprogramar as cirurxías o antes posible

Incide no contacto permanente coas xerencias, nas reunións e seguimento continuo, co obxectivo último de garantir a calidade e a seguridade dos pacientes

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou que a folga nacional contra o Estatuto Marco causou en tres días xa a suspensión de 780 cirurxías, das cales o Servizo Galego de Saúde xa reprogramou para a vindeira semana o 50 % e ten previsto reprogramar a práctica totalidade  nas vindeiras semanas.

O titular da carteira sanitaria mantivo esta mañá un novo encontro telemático de traballo co xerente do Servizo Galego de Saúde, o director xeral de Asistencia Sanitaria e os xerentes das áreas sanitarias para facer seguimento do impacto da folga nacional contra a reforma do Estatuto Marco promovida polo Goberno central.

Tal e como detallou o conselleiro, os datos reportados polos xerentes das sete áreas sanitarias reflicten que a actividade afectada pola folga onte xoves supuxo a suspensión de 270 cirurxías, 610 probas diagnósticas non realizadas, a cancelación de 6.900 consultas hospitalarias e a suspensión de 7.300 consultas de atención primaria. En total, na xornada de onte xoves, máis de 15.000 procesos foron suspendidos.

Gómez Caamaño referiu que van xa tres días de folga máis de 42.000 atencións médicas suspendidas, das que máis de 780 son cirurxías, máis de 1.960 son probas, máis de 20.600 consultas hospitalarias e máis de 19.100 consultas de atención primaria.

Incidiu en que o obxectivo do Servizo Galego de Saúde é garantir, ademais da actividade urxente, a programación das prioridades 1 e os procesos da lei de garantías de actividade cirúrxica, consultas e probas.

O titular de Sanidade explicou que onte houbo unha xuntanza entre a ministra e os sindicatos e, polo que se desprende da mesma, perdeuse unha nova oportunidade de evitar que esta situación continúe e se repita o vindeiro mes de xaneiro.

Gómez Caamaño referiu que o seguimento en Galicia da folga nacional contra o Estatuto Marco superou na xornada de hoxe xoves, na quenda de mañá, o 22,5 %, a porcentaxe máis alta de todos os días.

Remarcou o esforzo de planificación que están a realizar as xerencias e o equipo directivo das áreas sanitarias para reprogramar as cirurxías o antes posibles e incidiu en que o seu departamento está en contacto permanente coas xerencias, con reunións e seguimento continuo, co obxectivo último de garantir a calidade e a seguridade dos pacientes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2025