A Xunta colabora con seis asociacións de veciños da comarca de Sarria na mellora dos seus locais sociais
O delegado territorial, Javier Arias, explica que catro colectivos de Sarria, un de Láncara e outro do Páramo benefícianse de case 58.000 euros con cargo ás axudas convocadas este ano para colaborar coas organizacións veciñais
Sarria (Lugo), 12 de decembro de 2025
A Xunta destina preto de 58.000 euros a colaborar na mellora dos locais sociais de seis agrupacións de veciños da comarca sarriá, con cargo ás achegas convocadas este ano para ese fin.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou os inmobles das asociacións Ajuilaouca e D’Carballo D’Arroxo, ambas do municipio de Sarria, para comprobar o resultado das obras realizadas co apoio do Goberno galego. Na visita participou tamén a directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López.
No caso da primeira entidade, con sede en Goián, a intervención incluíu o peche do terreo que alberga o local social cun valado de piñeiro. Ademais, arranxáronse as escaleiras exteriores e construíuse unha rampla de acceso dotada dunha varanda.
No que respecta á asociación D’Carballo D’Arroxo, realizaron actuacións de acondicionamento na vella escola de Goimil. O proxecto contemplou a substitución da cuberta na zona que coincidía coa antiga vivenda dos mestres, que estaba moi deteriorada. Tamén se fixeron traballos de mellora da accesibilidade.
As outras asociacións veciñais da zona que resultaron beneficiarias desta mesma liña de axudas foron a de Betote e a de Manán – Mato San Salvador, no municipio de Sarria; San Mariño de Río, en Láncara; e Rivas de Miño, no Páramo.
Arias lembrou que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes convoca anualmente estes apoios dirixidos a financiar melloras nos locais das comunidades de veciños e a comprar equipamento. O obxectivo é apoiar as actividades de interese social que desenvolven estas asociacións.