O conselleiro de Sanidade e o rexedor vilanovés asinaron esta mañá un convenio de colaboración para acometer melloras nesta infraestrutura sanitaria

Gómez Caamaño destaca a colaboración entre a Xunta e o Concello de Vilanova de Arousa na mellora da asistencia sanitaria aos veciños ao destinar preto de 304.000 euros á reforma do centro de saúde

Tal e como establece o acordo asinado, cada administración, autonómica e a local, achegarán un 50 % do investimento

Este acordo permitirá a impermeabilización das cubertas, a substitución das carpinterías exteriores ou a renovación do sistema de recollida de augas

Nos últimos anos, o Executivo galego investiu máis de 162 M€ na construción ou reforma de 138 centros de saúde de toda Galicia

Vilanova de Arousa (Pontevedra), 1 de outubro de 2026

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para levar a cabo a reforma integral do centro de saúde deste municipio, no que se investirán preto de 304.000 euros.

Na compaña do director xeral de Atención Primaria e Comunitaria, Salvador Mariño-Ageitos, e do xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, o titular de Sanidade puxo en valor a boa coordinación existente coa entidade local, o que permitirá impulsar esta nova mellora asistencial que beneficiará ás preto de 9.000 persoas ás que dá cobertura sanitaria este centro de saúde.

Segundo explicou, actuarase sobre a cuberta e as terrazas do inmoble, co obxectivo de mellorar a súa impermeabilización e illamento térmico. Na mesma liña, tamén se procederá coa substitución das carpinterías exteriores e á renovación dos seus revestimentos interiores.

Nunha segunda fase levaranse a cabo diferentes traballos de mellora na fachada do edificio, entre os que se inclúen a substitución integral do sistema de evacuación de augas.

O obxectivo desta reforma, salientou o conselleiro, é resolver as deficiencias que presenta o edificio “para ofrecer unhas instalacións máis seguras, funcionais e sostibles, tanto para os profesionais como para os pacientes”.

O responsable da carteira sanitaria da Xunta explicou que o convenio asinado entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Vilanova de Arousa contará cun financiamento compartido, asumindo cadansúa entidade o 50 % do seu investimento. Ademais, apuntou que a súa vixencia se estenderá ata o vindeiro 29 de decembro de 2029.

Mellora continua das infraestruturas de atención primaria

Esta nova actuación complementa as melloras desenvolvidas nos últimos anos no centro de saúde de Vilanova de Arousa, entre as que destacan a acometida no ano 2017 cun investimento de 30.000 euros; ou os diferentes traballos de reparación e mellora realizados entre os anos 2021 e 2024, cuxo valor superou os 34.000 euros de investimento. 

O titular de Sanidade enmarcou a sinatura deste convenio na firme aposta do Goberno galego pola modernización do primeiro nivel asistencial, ao que se destinaron máis de 162 millóns de euros nos últimos 16 anos, para construír ou reformar 138 centros de saúde de toda Galicia.  

“Desde a Xunta estamos plenamente comprometidos coa mellora da atención primaria“, incidiu Gómez Caamaño, remarcando que o Executivo galego seguirá a traballar no obxectivo de garantir a mellor calidade asistencial posible en toda a comunidade.

Incidiu en que a isto responde o Plan de mellora da atención primaria que está a impulsar e que se presentará en breve. Trátase dun plan que recolle distintas medidas encamiñadas a reducir a carga administrativa dos profesionais sanitarios, optimizar as axendas e o funcionamento dos servizos e mellorar as condicións laborais dos profesionais co obxectivo de garantir unha mellor calidade na atención dos pacientes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2026