A directora xeral de Patrimonio Natural visitou dous institutos da provincia de Ourense para presentar a iniciativa

A Xunta anima ao alumnado de secundaria a participar na nova edición do concurso #ParqueVibras sobre o patrimonio natural galego

O prazo para inscribirse está aberto ata o vindeiro 19 de decembro e os interesados poden enviar as súas propostas ata o vindeiro 6 de febreiro

Os gañadores recibirán como premio unha excursión guiada para toda a súa clase a un dos seis parques naturais cos que conta a comunidade

Marisol Díaz destaca que as alumnas e alumnos poden converterse coas súas propostas en influencers da riqueza natural de Galicia

Bande (Ourense), 12 de decembro de 2025

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, visitou hoxe o IES Aquis Querquernis, de Bande, e o IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia, onde presentou a segunda edición do concurso #ParqueVibras e animou ao alumnado de educación secundaria obrigatoria (ESO) a participar nel coa creación de vídeos orixinais para redes sociais sobre o patrimonio natural galego.

Esta iniciativa, que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático puxo en marcha o pasado curso, ten como obxectivo que o alumnado cree contido para Instagram, TikTok ou YouTube centrado ou inspirado nalgún dos seis parques naturais de Galicia: Fragas do Eume; Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán; Monte Aloia; Baixa Limia-Serra do Xurés; O Invernadeiro; e Serra da Enciña da Lastra.

A directora xeral explicou que aínda que a temática terá que estar relacionada coa Rede de parques naturais de Galicia e cos seus valores ambientais, culturais e/ou sociais, os participantes terán liberdade para xestionar os contidos podendo incluír imaxes dalgunha ruta peonil, bailes, gráficos ou memes, entre outros elementos.

O prazo para poder inscribirse neste concurso -de forma individual ou en grupo- permanecerá aberto ata o vindeiro 19 de decembro e os vídeos propostos deberán incluír no momento da súa publicación en calquera das tres redes sinaladas os seguintes hashtags obrigatorios: #ParqueVibras e #GaliciaCalidade. A data límite para enviar os traballos será o 6 de febreiro.

Haberá un máximo de cinco premios: un por provincia e outro para o vídeo máis viral. En caso de que este último coincida con algún dos anteriores, só se entregarían catro galardóns. O 27 de febreiro daranse a coñecer os finalistas e a partir de aí escolleranse os vídeos premiados. O concurso finalizará cunha gala de entrega de galardóns prevista para comezos do mes de abril e os gañadores recibirán como premio unha excursión guiada para todos os alumnos da súa clase a un parque natural da comunidade.

Esta segunda edición da continuidade á do ano pasado, que contou cunha gran acollida por parte dos escolares ao participar 56 equipos de 26 centros educativos, implicando a máis de 500 alumnos. O impacto do concurso foi de máis de 166.000 visualizacións, 8.300 likes e preto de 600 comentarios. Deste xeito, indicou a directora xeral, as alumnas e alumnos convértense influencers do patrimonio natural galego.

Marisol Díaz puxo en valor a importancia deste tipo de actividades, que animan a participar á xuventude apelando ao seu lado máis creativo e aos seus coñecementos sobre as redes sociais, para implicar e concienciar aos máis novos sobre a riqueza dos espazos naturais e da biodiversidade de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/12/2025