A Xunta felicita a Fegadem pola súa aposta por sensibilizar á infancia sobre a esclerose múltiple
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou na presentación do libro dos Bolechas ‘A profesora Celia ten esclerose múltiple’
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, participou esta mañá na presentación do libro de Os Bolechas A profesora Celia ten esclerose múltiple, impulsado por Fegadem (a Federación Galega de Esclerose Múltiple). Esta publicación busca sensibilizar á infancia sobre esta doenza, fomentando a empatía e a inclusión.
No libro, e a través das aventuras dos Bolechas, os nenos e nenas poderán comprender os desafíos que enfronta a profesora Celia, ao mesmo tempo que aprenden sobre a solidariedade, o asociacionismo e a comprensión. Durante o acto, a directora xeral felicitou á entidade por impulsar iniciativas que buscan visibilizar as barreiras e necesidades ás que se enfronta o colectivo.
Ademais, Begoña Abeijón reiterou o compromiso da Xunta de Galicia coas persoas que sofren esclerose múltiple, ás que destina cada ano máis recursos. Así, na última convocatoria de axudas do 0,7% do IRPF, a Consellería de Política Social destinou máis de 280.000€ á Federación Galega de Esclerose Múltiple, para promover programas de rehabilitación, asesoramento ás familias e ás persoas afectadas e atención integral, así como melloras nos espazos, novos equipamentos informáticos e materiais de rehabilitación para a federación e para as asociacións que a conforman.