A Xunta vén de rematar traballos de conservación no castro de Zoñán, en Mondoñedo, cun investimento de 13.700 euros

O sábado 20 de decembro, ás 11:30 horas, terá lugar no xacemento unha visita comentada por persoal técnico, será gratuíta e non require inscrición

Lugo, 12 de decembro de 2025

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de rematar traballos de conservación e consolidación no castro de Zoñán, en Mondoñedo, aos que destinou un orzamento de 13.700 euros.

Como colofón, organiza para o vindeiro sábado 20 de decembro, a partir das 11:30 horas,  unha visita comentada pola restauradora que executou a intervención, Alba Losada García, e o arqueólogo do Concello de Mondoñedo, Abel Vigo García. A participación é gratuíta e non require inscrición.

Nesta última campaña actuouse sobre as estruturas xa escavadas, reparando elementos como pezas das cabeceiras que estaban soltas ou desprazadas.

Tamén se procedeu á consolidación definitiva e acondicionamento das estruturas arqueolóxicas que conforman unha das vivendas, que contaba cunha cabeceira provisional que foi eliminada, realizándose traballos de recrecido de muros. Ademais, limpouse a vexetación e arranxáronse os paneis informativos.

O castro de Zoñán foi uns dos primeiros en ser escavados en Galicia, en concreto no ano 1867 por José Villaamil y Castro, quen descubriu dúas estruturas e diversos elementos de cultura material (muíños, cerámicas e obxectos de metal en bronce e ferro).

Na primeira década deste século realizáronse novas escavacións que permitiron a exhumación de toda unha serie de estruturas habitacionais na croa, que ocupan unha superficie aproximada duns 900 m2, construídas en lousa e agrupadas en conxuntos ou barrios. A cronoloxía xeral deste xacemento abrangue desde o Bronce Final ata o século V despois da nosa era, segundo os materiais arqueolóxicos achados.

Data de actualización: 12/12/2025