A Xunta organiza unhas xornadas de seguimento dos proxectos executados con Fondos Europeos que avanzan na renovación da oferta turística de Galicia

Turismo de Galicia supervisará o seguimento dos plans territoriais do litoral, o enogastronómico de Galicia; o de vilas termais e cascos históricos e o Xacobeo Next Generation que supoñen a xestión de máis de 100M€

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2025

Turismo de Galicia vén de organizar unha xornada de seguimento dos plans e proxectos executados con Fondos Europeos e que deberán estar finalizados o vindeiro 2026. A iniciativa está dirixida a técnicos dos distintos programas e ten coma finalidade realizar un seguimento da última fase de execución ao tempo que se solucionan dúbidas e cuestións relativas á execución dos mesmos. A execución de todas estas actuacións permiten mellorar, renovar e completar a oferta turística galega da man da sostibilidade.

A xornada desenvolverase o martes 16 na Cidade da Cultura e será inaugurada polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles no decurso dun acto no que tamén participará a directora xeral de Políticas Turísticas da Secretaría de Estado de Turismo, Ana Muñoz. A continuación, xestores dos Plans de Sostibilidade Turística de Destino exporán o punto de execución no que se atopan. En concreto, durante as sesións de traballo analizarase o desenvolvemento dos tres Plans Territoriais impulsados pola Xunta: o do litoral que supón un investimento de 29,4M€; o de enogastronomía dotado con 34,5M€ e o de vilas  termais e cascos históricos con 23,23M€

O Plan Territorial do Litoral pretende mellorar e potenciar o litoral galego actuando sobre recursos naturais, culturais e patrimoniais e sobre as infraestruturas e equipamentos, concienciando sobre a súa conservación, apostando pola súa rehabilitación e destacando o seu valor como reclamo turístico, promovendo á súa vez, a xestión sustentable desde os destinos e potenciando o territorio litoral.

O Plan Territorial Enogastronómico de Galicia xira o redor da enogastronomía como elemento diferenciador da oferta turística galega e motor dinamizador do tecido socioeconómico do territorio situando o turismo de gastronomía e enoloxía como unha experiencia para situar Galicia como destino turístico internacional. Está composto por 3 Actuacións de Cohesión en Destino (ACD); 11 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) impulsados por entidades locais e 2 do Plan Nacional de Enogastronomía.

O Plan Territorial de Sustentabilidade Turística de Vilas Termais e Cascos Históricos de Galicia impulsa o turismo termal e histórico-cultural sostible en Galicia mediante o fortalecemento e a posta en valor dos seus recursos termais, naturais e culturais, integrando estratexicamente a oferta turística e converténdoa en produtos innovadores e atractivos para todo o ano. Está composto por 1 Actuación de Cohesión en Destino (ACD), 7 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) impulsados por entidades locais e 1 Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD).

Finalmente, Turismo de Galicia tamén xestiona 31M€ a través no marco do Plan Xacobeo Next Generation que inclúe Actuacións de Cohesión en Destino (ACD), o proxecto Galicia destino cicloturismo, o de revalorización da Ruta Xacobea Marítimo-Fluvial e accións para a dixitalización dos Camiños de Santiago. Da man deste financiamento, estase dinamizando e diversificando a ruta xacobea, ampliando a capacidade aloxativa e mellorando o seu patrimonio.

Data de actualización: 14/12/2025