Medio Rural e Seaga asinan o novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias para iniciar as tarefas a comezos de 2026

A conselleira María José Gómez animou a todos os concellos a solicitar a súa adhesión a esta iniciativa, que presenta importantes vantaxes tanto para municipios como propietarios co fin de axudalos a cumprir coas súas obrigas 

Destacou o aumento do investimento destinado a estes traballos, que se duplica ata os 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas dotado con 10 millóns

Ademais, incrementarase o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 neste a 276 para o ano que vén, nas que os particulares poderán seguir contratando a Seaga para as rozas por un importe de 420 euros por hectárea

Gómez asegurou que a prevención fronte os incendios forestais é unha prioridade para o Goberno autonómico, referíndose así ao incremento do 50 % do orzamento para este concepto, que no ano 2026 ascende ata os 75,38 millóns de euros

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e a directora-xerente de Seaga, Luisa Piñeiro, asinaron hoxe o novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias. No acto de sinatura, no que tamén estivo presente o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, Gómez incidiu na “urxencia” da posta en marcha desta colaboración, co fin de poder comezar coas tarefas a comezos de 2026. A conselleira explicou que este instrumento procura axudar aos concellos e aos propietarios a cumprir coas súas obrigas e animou a todos os municipios a solicitar a súa adhesión a esta iniciativa, que presenta importante vantaxes, tanto para eles como para os propietarios.

Así mesmo, destacou o aumento do investimento destinado a estas tarefas, que se duplica ata os 25 millóns de euros anuais, nos que se inclúe o fondo específico de Limpeza de Faixas dotado con 10 millóns. O convenio inclúe un reforzo do apoio a concellos e particulares, especialmente aos de menos de 10.000 habitantes, e promove que se realicen de xeito áxil execucións subsidiarias en zonas de risco de incendio nas que os titulares non cumpran coas súas obrigas, en liña co disposto na Lei de medidas que acompaña aos Orzamentos de 2026.

Ademais, incrementarase o número de parroquias priorizadas, que pasan de 157 a 276 neste novo convenio, nas que os particulares poderán seguir contratando a Seaga para as rozas por un importe de 420 euros por hectárea. A maiores, continúase ofrecendo a posibilidade de que esta empresa pública realice execucións subsidiarias en ata 10 hectáreas por concello e ano -fóra desas parroquias catalogadas como priorizadas- e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais. Tamén se ampliará o subministro de especies que axuden a construír unha franxa natural de protección dos núcleos urbanos e fagan innecesarias sucesivas limpas desas parcelas.

A través de Seaga os concellos adheridos terán á súa disposición axuda para a revisión, modificación ou elaboración do plan municipal de prevención; así como de apoio para realizar as inspeccións, notificacións e preparación dos documentos necesarios para ordenar as execucións subsidiarias e os propios trámites de sancións.

Importancia da prevención como tarefa compartida

Gómez afirmou que todas estas medidas son altamente beneficiosas, tanto para as localidades adheridas como para os seus veciños, dado que a prevención fronte aos lumes é cousa “de todos”. A conselleira asegurou que a prevención é unha prioridade para o Goberno autonómico, un compromiso que, explicou, se demostra con feitos, referíndose así ao incremento do 50 % do orzamento para este concepto, que no ano 2026 ascende ata os 75,38 millóns de euros.

Dentro das accións levadas a cabo directamente pola Consellería, cómpre destacar a limpeza e a creación de cortalumes, pistas forestais, puntos de auga ou a realización de queimas prescritas. O Executivo galego colabora tamén coas comunidades de montes e pon a disposición dos concellos varios instrumentos en materia preventiva.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2025