A Xunta licita por máis de 3,5 M€ as obras de acondicionamento do viaduto da autovía Dozón-Ourense (AG-53) sobre o río Barbantiño
Trátase de levar a cabo distintos traballos de reparación e conservación no interior do taboleiro e na cara exterior da lousa superior deste viaduto
As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 29 de xaneiro
Este contrato enmárcase no programa pioneiro da Xunta de inspección das vías e das obras de paso, para preservar a seguridade dos usuarios das infraestruturas viarias e alongar a vida útil con accións de conservación preventiva
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025
A Xunta licita por 3.538.056 euros as obras de acondicionamento e reforzo do viaduto da autovía Dozón-Ourense (AG-53) sobre o río Barbantiño.
Trátase de levar a cabo distintos traballos de reparación no interior do taboleiro e na cara exterior da lousa superior do viaduto, do Barbantiño, no tramo do enlace de Cea-enlace coa OU-402 e a A-52, entre os puntos quilométricos 81+134 e 81+914.
As obras que se definen neste proxecto de construción enmárcanse principalmente dentro do termo municipal de Punxín e parte do termo municipal de Amoeiro.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia ten publicada esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 29 de xaneiro. Os traballos contan cun prazo de execución de 10 meses.
Este contrato enmárcase no programa pioneiro impulsado pola Xunta de inspección e redacción de proxectos de conservación de estruturas e obras de paso das estradas autonómicas, co obxectivo de preservar a seguridade dos usuarios das infraestruturas viarias e alongar a vida útil destas mediante actuacións de conservación preventiva.