A Xunta constitúe a comisión de revisión do Plan Camgal para actualizar a resposta ante posibles episodios de contaminación mariña accidental

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu hoxe a primeira reunión do órgano encargado de redactar o novo Plan Camgal, tal e como establece o Decreto 135/2016

A actualización permitirá adaptar o documento á nova normativa, mellorar procedementos operativos e reforzar a coordinación entre administracións

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, presidiu hoxe a constitución da Comisión de Revisión do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal), órgano previsto no artigo 6 do Decreto 135/2016 para garantir a actualización periódica deste instrumento esencial de protección ambiental e resposta ante posibles emerxencias no litoral galego.

Marta Villaverde subliñou que esta revisión é “un paso necesario para asegurar que Galicia segue contando cun plan áxil, actualizado e plenamente operativo fronte a calquera episodio de contaminación mariña accidental”. Nesta liña, destacou que Galicia conta cun dos litorais máis extensos e sensibles de Europa, cunha intensa actividade marítimo-pesqueira e zonas protexidas de alto valor ambiental, polo que “a capacidade de resposta fronte á contaminación mariña accidental é estratéxica para a comunidade”.

O Plan Camgal defínese como o instrumento autonómico de resposta ante continxencias no mar e integra os criterios do Sistema Nacional de Resposta ante Contaminación Mariña, garantindo coherencia e coordinación co Estado. A súa vixencia é de cinco anos, polo que debía iniciar o seu proceso de renovación antes da súa expiración en 2026.

A Comisión de Revisión comeza agora os traballos de análise do texto vixente para incorporar a actualización normativa e dos medios dispoñibles, melloras operativas e a optimización dos subsistemas de resposta. Corresponderá ao equipo técnico da Unidade de Documentación e Apoio Científico (UDAC) do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño ser o responsable de coordinar a redacción do novo texto, que posteriormente será elevado á dirección do Plan e, finalmente, á presidenta para a súa aprobación polo Consello da Xunta.

O proceso de revisión estenderase ao longo de 2026, dada a necesidade de actualización integral do documento e aos trocos estruturais recentes noutras consellerías implicadas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2025