Manuel Pardo supervisa o estado das obras de mellora de enerxética no edificio xudicial do Carballiño, ás que a Xunta destina máis de 545.000€

O delegado territorial explicou que esta intervención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, cofinanciada con Fondos Feder, ten como obxectivo reducir o consumo eléctrico asociado ao uso das instalacións e así loitar contra o cambio climático

O representante do Goberno galego enmarcou estas actuacións no conxunto de proxectos de eficiencia enerxética nos que a Xunta está a traballar en case nunha decena de instalacións xudiciais de toda Galicia por importe de 6,8 millóns de euros

Tamén destacou a aposta do Goberno galego por unha xustiza con infraestruturas máis modernas e sostibles para que os edificios xudiciais respondan á súa función, sendo máis seguros, accesibles, funcionais e confortables

Ourense, 15 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao edificio xudicial do concello do Carballiño, para supervisar o estado das obras levadas a cabo neste inmoble para a optimización enerxética, ás que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, destinou máis de 545.000 euros para reducir o consumo eléctrico asociado ao uso das instalacións.

O delegado territorial explicou que esta intervención, cofinanciada con Fondos Feder, consistirá na  colocación de luminarias LED con sistema de regulación autónomo e de 45 portas e xanelas de baixo rendemento térmico; na instalación dun sistema fotovoltaico para autoconsumo e de renovación de aire con recuperador de calor; e na substitución da actual caldeira de gasóleo por unha caldeira de biomasa alimentada con pellets. Nesta liña, tamén enmarcou estas actuacións no conxunto de proxectos de eficiencia enerxética nos que o Goberno galego está a traballar en case nunha decena de instalacións xudiciais de toda Galicia por importe de 6,8 millóns de euros.

Durante o percorrido polas estancias do edificio, Manuel Pardo enmarcou estas medidas de mellora da eficiencia enerxética como unha das principais prioridades do programa Galicia Feder 2021-2027, que alenta o sector público a servir como exemplo para diminuír o consumo de enerxía na loita contra o cambio climático. Neste senso subliñou que, dentro da na estratexia global para a mellora de infraestruturas xudiciais en Galicia, o Executivo autonómico leva a investir máis de 165 millóns de euros entre 2014 e 2026.

O representante do Goberno galego rematou destacando a aposta da Xunta por unha xustiza con infraestruturas máis modernas e sostibles para que, de maneira progresiva, os edificios  xudiciais respondan á súa función, sendo máis seguros, accesibles, funcionais e confortables. Así, contribúese a ofrecer un servizo de calidade á cidadanía nunhas instalacións que respondan ás necesidades tanto das persoas usuarias como para os profesionais da administración de xustiza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/12/2025