A Xunta dá luz verde ambiental a un proxecto para a valorización, clasificación e almacenamento de residuos da construción, en Moeche
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
O promotor busca desenvolver unha actividade para valorizar residuos non perigosos na explotación Setepontes para empregalos na construción ou no recheo da canteira
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a un proxecto para a valorización, clasificación e almacenamento de residuos non perigosos da construción e demolición (RCD) nas instalacións existentes na explotación mineira Setepontes nº 36, no concello coruñés de Moeche.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.
Froito desas consultas, as distintas entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera ou a xestión e tratamento das augas.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, dáselle publicidade ao seu contido a través deste anuncio publicado no DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Por último, cómpre indicar que o obxecto do proxecto é desenvolver unha nova actividade de valorización, clasificación e almacenamento de áridos reciclados na explotación Setepontes polo que a autorización outorgada para valorizar os residuos deberá estar supeditada á vixencia da autorización mineira, pois depende do funcionamento desta.
Para adaptar as instalacións construirase unha soleira na zona de recepción, un pozo desareador e unha canle perimetral de formigón para a recepción de augas pluviais, uns bordos para canalizar as augas cara á cuneta, uns depósitos separadores de formigón e instalaranse contedores para os residuos.
Os materiais empregaranse en obras de construción ou no recheo do oco da propia canteira. A produción de áridos reciclados consistirá nunha liña independente que funcionará por lotes, sen mesturarse en ningún momento áridos naturais con RCD. Preténdese aproveitar deste xeito as instalacións existentes de machaqueo e clasificación para a fabricación de áridos reciclados, complementando a actividade actual de extracción.