A Xunta destaca o papel estratéxico da Axencia Europea de Control da Pesca na defensa dunha actividade sostible
A conselleira do Mar visita a sede do organismo comunitario para reforzar a colaboración en materia de control, inspección e loita contra a pesca ilegal
O encontro afonda nos retos normativos vinculados á PPC, ao novo Regulamento de Control e aos plans internacionais de vixilancia
Vigo, 16 de decembro do 2025
A Xunta destaca o papel estratéxico da Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA) na defensa da sostenibilidade e explotación responsable dos recursos pesqueiros. Así o manifestou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, na visita institucional á sede deste organismo comunitario en Vigo, que tivo como finalidade reforzar a cooperación entre Galicia e a Unión Europea no ámbito do control pesqueiro, a vixilancia e a loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
Durante o encontro coa directora executiva da Axencia, Susan Steele, a responsable autonómica abordou o traballo operativo que EFCA desenvolve a través dos Plans de Despregamento Conxunto e o impacto que estas accións teñen para a frota galega, unha das máis relevantes e sostibles da Unión Europea.
Villaverde puxo en valor a importancia de manter unha coordinación estreita entre Galicia e a EFCA, especialmente nun momento marcado pola entrada en vigor das novas disposicións do Regulamento de Control da Pesca, o impulso á dixitalización dos sistemas de vixilancia e a redefinición das políticas comunitarias a través da revisión da PPC.
A titular de Mar destacou, ademais, o papel que desempeña Galicia como referente europeo no control pesqueiro, grazas ao labor do Servizo de Gardacostas e á ampla cooperación mantida coa Axencia en múltiples operacións de inspección en augas comunitarias e internacionais.
A visita da conselleira pon de manifesto o compromiso da Xunta por avanzar nun modelo pesqueiro sostible, baseado na trazabilidade, o control efectivo e o cumprimento normativo, asegurando, ao mesmo tempo, a viabilidade socioeconómica dun sector esencial para Galicia.
Organismo clave
A EFCA, entidade encargada de coordinar as actuacións de inspección e seguimento das actividades pesqueiras en Europa, desempeña un papel clave para garantir a aplicación da Política Pesqueira Común (PPC) e a igualdade de condicións entre todas as frotas. Con sede permanente en Vigo desde 2008, integra profesionais de 19 Estados membros e coordina cada ano decenas de miles de inspeccións en terra e no mar para garantir o cumprimento das normas europeas, protexer os recursos e apoiar unha competencia leal entre operadores.