A Xunta completa a mellora da cobertura móbil na zona rural de Lugo coa posta en servizo da antena de San Pedro de Mera
O delegado territorial, Javier Arias, explica que se suma ás torres xa operativas en Gondar e Santa María Alta, alcanzando un investimento global de 700.000 euros
Lugo, 16 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia completou o reforzo das comunicacións móbiles na zona rural de Lugo coa posta en servizo da terceira e última antena instalada no municipio con este fin. O delegado territorial, Javier Arias, explicou que esta semana entrou en funcionamento a torre de San Pedro de Mera, que se suma ás de Gondar e Santa María Alta, operativas desde o pasado mes de novembro.
O Goberno galego investiu 700.000 euros nestas dotacións, que melloran a cobertura nunha quincena de localidades rurais de Lugo. Así, a de San Pedro de Mera beneficia a Bacurín, Carricova, O Burgo, O Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba e Cabanas; e a de Santa María Alta afecta a Locai, Marcoi, Riobó, Vilariño e Torible.
As tres infraestruturas foron executadas pola Xunta no marco dunha iniciativa dirixida a potenciar as redes de telefonía móbil en núcleos rurais e illados. Arias lembrou que as competencias en materia de telecomunicacións corresponden ao Estado, “pero vimos a necesidade de incrementar a calidade do servizo nalgunhas zonas que, polas súas características xeográficas ou poboacionais, non estaban suficientemente atendidas”. Trátase dunha medida excepcional para a que a Xunta tivo que solicitar unha aprobación por parte da Comisión Europea, que foi concedida en 2021.
Deste xeito, indicou, encargouse á empresa pública Retegal a execución das antenas e convocouse un proceso de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para os operadores interesados en prestar o servizo.
O Goberno galego e os concellos beneficiarios colaboraron na busca e validación das parcelas para situar as antenas, que foron cedidas polos seus titulares, tanto públicos como privados.