A directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o alcalde da localidade, José Luis Álvarez, asinaron esta mañá a cesión ante notario

A Xunta e o Concello de Pantón asinan a cesión da parcela para a construción do novo centro de saúde

O terreo, situado na rúa Manuel María de Ferreira de Pantón, dispón dunha superficie de 676 m2

O novo centro de saúde albergará dúas consultas de medicina familiar e comunitaria e dúas de enfermería, ademais dunha sala polivalente, unha sala de toma de mostras e unha sala de técnicas apta para realizar cirurxía menor

A actuación, prevista no Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria de Galicia, permitirá ofrecer unha mellor resposta ás necesidades asistenciais do municipio

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

A Xunta e o Concello de Pantón veñen de formalizar a cesión á Administración autonómica da parcela na que se prevé a  execución do novo centro de saúde do municipio.

A directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, asinaron esta mañá ante notario a cesión da parcela, que está situada na rúa Manuel María de Ferreira de Pantón e que dispón dunha superficie de 676 m2.

Con esta actuación, prevista no Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria de Galicia, substituirase o actual centro de saúde (1982), que presenta un alto grado de obsolescencia e certo déficit a nivel de eficiencia enerxética.

O novo centro de saúde contará cunha superficie de 550 metros cadrados e albergará dúas consultas de medicina xeral, dúas consultas de enfermería e unha sala de tipo polivalente, que poderá facer, tamén, as veces de consulta. Ademais, o novo centro de saúde terá unha sala de toma de mostras e unha sala de técnicas, apta para a realización de cirurxía menor.

A construción do novo centro de saúde permitirá dar unha mellor resposta asistencial aos máis de 2.100 veciños e veciñas cuxas tarxetas sanitarias estás adheridas ao centro de saúde deste municipio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/12/2025