A Consellería do Mar cederá unha parcela no porto de Rianxo para aparcadoiro público que beneficie á veciñanza
Rianxo (A Coruña), 16 de decembro de 2025
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, cederá temporalmente ao Concello de Rianxo a parcela contigua ao auditorio municipal para o seu uso como aparcadoiro público, usuarios portuarios e veciñanza en xeral. Así o comunicou a titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, nunha visita á zona, na que estivo acompañada polo presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Villaverde explicou que se trata dunha parcela de máis de 6.000 metros cadrados que, a día de hoxe, non rexistra actividade portuaria e foi solicitada polo Concello. Portos de Galicia facilitará este uso en aras do beneficio veciñal, concretamente como aparcadoiro público, sen prexuízo de poder recuperala para o uso portuario no momento en que se presente unha proposta de actuación neste espazo.
Para articular esta cesión Portos de Galicia e o Concello de Rianxo asinarán un convenio de colaboración en virtude do cal o ente público porá a disposición da administración local este espazo sen cobro de taxas e esta asumirá as obras de pavimentación e o mantemento da parcela. Villaverde reseñou que esta cesión enmárcase na vontade de colaboración institucional de Portos de Galicia ao igual que o convenio remitido a pasada semana para a regulación da explotación municipal da depuradora e o tanque de tormentas, situados en terreo portuario.
Novo porto deportivo
Durante a súa visita ao porto rianxeiro, a conselleira do Mar lembrou, ademais, que Portos outorgou o pasado mes de novembro a concesión ao club náutico de Rianxo para a construción e explotación dunhas instalacións náutico deportivas cun orzamento previsto de 1,7 millóns de euros. As obras proxectadas consisten na dotación de 174 novas prazas de amarre das que 134 construiranse na primeira fase e 40 máis na segunda. Todos os atraques disporán de subministro de auga e electricidade. Tamén se renovarán as edificacións en terra con novas edificacións para cafetería, oficinas, vestiarios e pañol para vela lixeira.
Finalmente, tamén trasladou os avances na tramitación do proxecto de mellora da operatividade do porto rianxeiro que contempla a dotación de prazas de amarre para os preto de 300 usuarios actuais desta instalación.