A Xunta apoia con máis de 136.000 euros as obras de mellora da eficiencia enerxética no CIM de Ares
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitaron esta mañá as instalacións nas que se mellorou a envolvente térmica
O municipio de Ares foi un dos beneficiarios da axudas da Consellería de Política Social e Igualdade para a construción, rehabilitación, ampliación, reforma, adquisición e mellora do equipamentos dos CIMs
Ares (A Coruña), 17 de decembro de 2025
A Xunta contribúe cunha achega de 136.446 euros ás obras de mellora da eficiencia enerxética do Centro de Información á Muller (CIM) de Ares. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, xunto ao director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitaron esta mañá as instalacións para comprobar o resultado dos traballos acometidos polo Concello con cargo á convocatoria de axudas para a construción, rehabilitación, ampliación, reforma, adquisición e mellora do equipamentos dos CIMs da Consellería de Política Social e Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Os traballos, que redundan na mellora da eficiencia enerxética do inmoble, incluíron a mellora da envolvente térmica, illamento de fachadas e instalación de carpintería e vidros de boas características térmicas. Ademais procedeuse á substitución das varandas en mal estado, así como dos canlóns e das baixantes.
Durante a visita, a delegada territorial destacou a importante rede de centros de información á muller coa que conta Galicia e a súa relevancia á hora de ofrecer información e axuda xurídica, psicolóxica ou de calquera outro tipo ás vítimas de violencia de xénero.
O CIM de Ares atende as demandas das mulleres de Ares e dos municipios limítrofes de Mugardos, Fene, Cabanas, Pontedeume e Miño. É un dos catro centros de información á muller que operan na área territorial xunto aos de Ferrol, Ortigueira e As Pontes aos que este ano o Goberno galego destinou 206.000 euros en axudas para o financiamento dos gastos de contratación de persoal.
Lembrou ademais que a Xunta ten en marcha actualmente o Plan de integral de renovación e ampliación dos CIMs co obxectivo de analizar a realidade destes centros a través dun proceso de escoita activa de todo o persoal profesional, co fin de poder elaborar un plan con obxectivos e accións específicas.