O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá San Cibrao das Viñas, para anunciar a súa alcaldesa que o seu concello foi beneficiario desta liña de axudas

Manuel Pardo destaca os máis de 1,5 M€ que a Xunta destina para mellorar a eficiencia enerxética de 16 concellos ourensáns

O delegado territorial explicou que no caso deste municipio, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, destina preto de 120.000 euros para mellorar a envolvente térmica e optimizar o consumo enerxético do edificio que alberga a escola infantil municipal

Manuel Pardo explicou que o obxectivo desta liña de axudas, que contou cun orzamento de 5 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder, é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático

O representante do Goberno galego incidiu no compromiso da Xunta co eido local co fin de seguir impulsando a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía

Ourense, 17 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá a San Cibrao das Viñas, para anunciarlle a súa alcaldesa, Marta Novoa, que o seu concello foi beneficiario na última resolución da convocatoria de axudas da Consellería de Presidencia Xustiza, e Deportes, para mellorar a eficiencia enerxética nas infraestruturas vinculadas a servizos municipais, que para o período 2025-2026, contou cun orzamento de 5 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder.

O delegado territorial concretou que no caso deste municipio, a Xunta destina preto de 120.000 euros para mellorar a envolvente térmica e optimizar o consumo enerxético do edificio que alberga a escola infantil municipal, co fin de crear unha contorna máis saudable, eficiente e respectuosa co medio ambiente para o benestar dos nenos e nenas. Nesta liña, explicou que as actuacións consistirán na retirada das carpinterías e vidros por novas xanelas de alta eficiencia enerxética, na substitución da caldeira alimentada con gas natural por un sistema de aerotermia, e no cambio das actuais pantallas de tubos fluorescentes por tecnoloxía LED de baixo consumo.  

Manuel Pardo destacou que esta liña de axudas diríxese aos concellos de menos de 30.000 habitantes e permitirá cubrir ata o 80% dos gastos de melloras en illamento, iluminación interior e  climatización cun límite de 120.000 euros. Tamén detallou que provincia de Ourense foron beneficiarios os concellos de Allariz, Baños de Molgas, Coles, Entrimo, O Irixo, Laza, Maside, Monterrei, Muíños, Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Porqueira, Rairiz de Veiga, San Cibrao das Viñas, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Santos, cun importe de máis de 1,5 millóns de euros.

Proxectos subvencionables

O representante do Goberno galego recalcou que estas achegas financian obras de mellora das envolventes térmicas, illamentos en cubertas e fachadas, e a instalación de carpinterías exteriores ou acristalamentos con boas características térmicas. Tamén son subvencionables as obras para contar con iluminación eficiente no interior dos edificios, así como para a colocación de sistemas de control e regulación da iluminación artificial, da intensidade e o acendido. Outra das melloras refírese á sistemas de climatización e calefacción, que poderán incluír fontes de enerxía renovable. O importe da actuación debe oscilar entre os 60.000 e os 150.000 euros.

O delegado territorial sinalou que o obxectivo de apoiar estes proxectos é contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e no marco do Programa Feder Galicia 2021-2027. Búscase tamén facilitarlles aos concellos galegos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais. A través da medida impúlsase ademais a reactivación económica dos sectores implicados nas obras e refórzase o efecto exemplarizante das actuacións da Administración.

Axudas no ámbito local

Manuel Pardo incidiu no compromiso do Goberno galego co eido local co fin de seguir impulsando a calidade de vida da veciñanza das áreas rurais a través da colaboración cos concellos, como entidades máis próximas á cidadanía e motores do desenvolvemento económico, e así favorecer a fixación de poboación e garantir o equilibrio no territorio galego entre o medio rural e o urbano a prol dunhas óptimas condicións de vida con independencia do lugar de residencia.

Neste sentido, subliñou que se manteñen as habituais liñas de colaboración cos concellos, como a orde de infraestruturas, dotada con 3,5 millóns de euros, o Fondo de Compensación Ambiental, con 11,4 millóns de euros ou o impulso aos proxectos municipais estratéxicos, que medra de 8,5 a 10 millóns de euros. Ademais súmanse novas medidas, como o proxecto piloto para a creación dun banco de maquinaria municipal compartida, dotado cun millón de euros e que busca facilitar que os concellos compartan equipamento especializado para o desenvolvemento de servizos públicos da súa competencia. A maiores, o Fondo de Cooperación Local sobe un ano máis, alcanzando os 187 millóns de euros.

O delegado territorial destacou que o conxunto de medidas do Goberno galego para apoiar as administracións locais, permitiu neste ano impulsar preto dun milleiro de proxectos, con actuacións en practicamente todos os concellos galegos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/12/2025