A Xunta ofrece degustacións de produtos pesqueiros galegos no mercado de Nadal que organiza o colexio de Parga

Guitiriz (Lugo), 17 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia colabora na Feira de Nadal que organizan para esta fin de semana a dirección e a Asociación de Nais e Pais do colexio Santo Estevo de Parga, en Guitiriz. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, subliñou hoxe na presentación desta iniciativa que “contribúe a facer comunidade e á dinamización social e económica da vila”.

O evento celebrarase os días 20 e 21 nos alpendres da feira, entre as 16,00 e as 21,00  horas. Durante a primeira xornada contará coa foodtruck da campaña GALICIA SABE AMAR, que impulsa a Consellería do Mar e ofrece degustacións gratuítas de petiscos elaborados a base de produtos do mar galegos.

Haberá postos de venda do alumnado do centro escolar e de comercios locais, ademais de actividades lúdicas e culturais como obradoiros de xoguetes naturais e de globoflexia, a recreación da vida castrexa, a visita da Apalpadora e de Papá Noel, e  actuacións musicais.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 17/12/2025