Medio Rural apoia con 700.000 € as actividades das organizacións e asociacións agrarias galegas

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución que dá publicidade a estas axudas, coas que se financian os gastos de realización de actividades de representación e de formación destas entidades

A través destes fondos apóiase tamén a formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario, así como actividades de fomento do asociacionismo agrario

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade ás axudas ás organizacións profesionais e asociacións agrarias para a realización de actividades de interese agrario. En total, son seis as entidades beneficiarias, por un importe conxunto de 700.000 euros, orzamento que supera nun 16 % ao da convocatoria anterior.

Estas achegas teñen como obxectivo financiar os gastos de realización de actividades de representación e de formación das organizacións profesionais e asociacións agrarias, legalmente constituídas e con implantación en Galicia, e dos agricultores en xeral.

Con estes fondos fináncianse os gastos de funcións ordinarias de xestión interna; de fomento do asociacionismo agrario; de representación perante as institucións ou de participación nos órganos colexiados constituídos pola Administración galega para a defensa dos intereses dos seus representados, como poden ser mesas ou comisións. Ademais, a través desta partida pódese financiar a formación dos asociados e dos seus familiares en actividades agrarias ou no sector agroalimentario, así como actividades de fomento do asociacionismo agrario.

Ligazón á resolución no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251218/AnuncioG0426-101225-0003_gl.html

Data de actualización: 18/12/2025