O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Vigo, Abel Caballero, e co delegado do Consorcio, David Regades

A Xunta pacta co Concello de Vigo e Zona Franca unha nova valoración do Ifevi no marco da man tendida para avanzar na gobernanza tripartita do recinto

As tres partes consensuaron a realización dunha nova valoración do recinto que se encargará a través do propio Ifevi, remarcando desde a Xunta a importancia de que que isto non supoña frear nin atrasar os traballos en marcha

José González salientou que agarda que este sexa o primeiro paso cara á efectiva implantación do modelo de gobernanza equilibrada polo que avoga a Xunta, baseado nun sistema tripartito de toma de decisións entre a Xunta, o Concello e Zona Franca

Sinalou tamén que este encontro volve ser un reflexo da man tendida que vén demostrando a Xunta de Galicia co obxectivo final de potenciar o Ifevi, unha infraestrutura clave para Vigo e para o futuro de citas estratéxicas como Conxemar

A reunión discorre en paralelo aos avances que xa se están impulsando a través do Padroado do Ifevi, que o pasado venres aprobou por unanimidade a constitución dunha comisión técnica para deseñar o Plan Funcional e o Plan Estratéxico do recinto

O primeiro paso desta comisión técnica, que se reunirá a vindeira semana, será acordar o cronograma que rexerá os traballos destinados a desenvolver ambos os dous documentos no menor tempo posible

Vigo, 18 de decembro de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, mantivo esta mañá unha reunión co alcalde do Concello de Vigo, Abel Caballero, co delegado especial do Consorcio Zona Franca, David Regades, e con outros representantes de ambas entidades co gallo de acordar unha nova valoración pactada do Ifevi como primeiro chanzo cara á futura gobernanza tripartita do recinto feiral pola que avoga a Xunta de Galicia.

Deste xeito, e co obxectivo de reforzar a transparencia e a confianza institucional, as tres partes consensuaron hoxe a realización dunha nova valoración homologada que se encargará a través do propio Ifevi, remarcando desde a Xunta a importancia de que este estudo non supoña frear nin atrasar os traballos que xa están en marcha.

En relación á reunión de hoxe, José González cualificouna de “proveitosa” e sinalou que o encontro volve ser un reflexo da man tendida ao Concello de Vigo e á Zona Franca que vén demostrando o Goberno autonómico co obxectivo final de potenciar o Ifevi. Ademais, sinalou que agarda que sexa o primeiro paso “cara á efectiva implantación do modelo que a Xunta defende desde o inicio: un modelo de gobernanza equilibrada, baseado nun sistema tripartito de toma de decisións por unanimidade entre a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e a Zona Franca, xa contemplado no preacordo de novembro de 2024”.

González lembrou que, pese a que o recinto xa conta cunha valoración realizada por encargo do propio Padroado, o Goberno galego “nunca buscou entrar en debates que só levan a un camiño sen saída” polo que non ten inconveniente en impulsar unha nova por lealdade institucional entre as tres partes —de feito, foi a propia Xunta a que solicitou que tamén participase a Zona Franca—, ao tempo que subliñou que este proceso non pode converterse nun obstáculo dentro da folla de ruta que se está a desenvolver para potenciar este espazo.

Nova Comisión de traballo técnica

Así mesmo, o conselleiro de Emprego salientou que a reunión de hoxe discorre en paralelo aos avances que xa se están impulsando a través do Padroado do Ifevi, que o pasado venres, 12 de decembro, aprobou por unanimidade a constitución dunha comisión técnica para deseñar o Plan Funcional e o Plan Estratéxico do recinto no menor tempo posible.

Este grupo está integrado por representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Vigo, da Deputación de Pontevedra, da Confederación de Empresarios de Pontevedra, da Cámara de Comercio de Pontevedra, da Mancomunidade de Vigo e da Zona Franca. Ademais, tal e como acordou por unanimidade o padroado, tamén forman parte desta comisión Conxemar, Navalia e o Salón do Automóbil, en liña co compromiso de avanzar na mellora do recinto contando cos seus usuarios estratéxicos.

O primeiro paso desta comisión técnica, que se reunirá por primeira vez o próximo luns 22, será acordar o cronograma que rexerá os traballos destinados a desenvolver o Plan Funcional e o Plan Estratéxico do Ifevi no menor tempo posible. A comisión constitúe, así, nun espazo clave de entendemento público-privado para definir e culminar, con todas as garantías e da forma máis áxil posible, a elaboración de ambos documentos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/12/2025