Belén do Campo visita a mesa de cuestación de ACEM coincidindo coa conmemoración do Día Nacional da Esclerose Múltiple
A delegada da Xunta puxo en valor o compromiso da Xunta coas persoas afectadas, lembrando que a esclerose múltiple é unha enfermidade neurolóxica crónica que, aínda que invisible en moitos casos, ten un profundo impacto na vida diaria de quen a padece e das súas familias
A Coruña, 19 de novembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez, visitou a mesa instalada na Delegación da Xunta pola Asociación de Esclerose Múltiple (ACEM) coincidindo coa conmemoración do Día Nacional da Esclerose Múltiple.
Con motivo desta data sinalada, ACEM, que conta na Coruña con 307 socios, desenvolveu diferentes accións de sensibilización e visibilización, entre elas a instalación de mesas informativas en distintos puntos, co obxectivo de dar a coñecer a realidade da esclerose múltiple, reivindicar dereitos e recursos adecuados para as persoas que conviven con esta enfermidade e concienciar á sociedade sobre o seu impacto social, sanitario e persoal.
Durante a visita á mesa, instalada na Delegación da Xunta, representantes de ACEM informaron ao persoal da Xunta e aos cidadáns sobre que é a esclerose múltiple, como afecta a quen a padece e a importancia de contar con apoios sociais e sanitarios que garantan unha atención integral e unha mellor calidade de vida.
Belén do Campo puxo en valor a importancia da colaboración institucional e o compromiso da Xunta coas asociacións e coas persoas afectadas, lembrando que a esclerose múltiple é unha enfermidade neurolóxica crónica que, aínda que invisible en moitos casos, ten un profundo impacto na vida diaria de quen a padece e das súas familias. Neste senso, apuntou que o Goberno galego colabora con esta entidades a través da orde de axudas para a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda. Concretamente, no 2025 recibiron apoios para a posta en marcha dun programa de atención social, asesoramento e intervención e para outro proxecto,, coa da Federación Galega de Esclerose Múltiple, contaron cunha achega de case 24.000 euros para outra iniciativa de mellora das habilidades sociais en Esclerose Múltiple.
Con esta iniciativa, ACEM reafirma o seu compromiso de seguir traballando pola visibilidade, a sensibilización social e a defensa dos dereitos das persoas con esclerose múltiple, convidando á cidadanía para informarse, colaborar e mostrar o seu apoio.