O presidente do Executivo autonómico participou na gala de entrega dos IX Premios Exceleite en Santiago
Rueda destaca a calidade do sector primario e do leite galego como marca que identifica a Galicia dentro e fóra da comunidade
Asegura que o sector lácteo “é un tesouro que hai que coidar” pola súa relevancia na economía galega
Reclama que se manteñan os fondos europeos para o sector primario co obxectivo de garantir a súa competitividade e “non quedar atrás”
A Xunta destinará arredor de 24 millóns de euros para fomentar a incorporación de mozos ao agro en 2026 e duplicará os fondos para o programa de titorización
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel fundamental do sector lácteo como motor de desenvolvemento económico e social da comunidade. “Se algo nos identifica dentro e fóra de Galicia é a calidade do noso sector primario, do leite galego e de todo o que ten que ver con este eido”, indicou ao tempo que asegurou que un bo exemplo do que significa Galicia Calidade é o traballo diario dos gandeiros galegos.
Nesta liña asegurou que todo o ecosistema vencellado ao sector lácteo -desde gandeiros ata a industria transformadora ou os transportistas- “son un tesouro que hai que coidar” e que co que contan co apoio do Executivo autonómico.
Durante a entrega dos IX Premios Exceleite, que recoñecen o esforzo, a profesionalidade e o bo facer dos gandeiros, Rueda subliñou que o sector está a vivir un bo momento. De feito, Galicia vén de consolidarse como unha potencia leiteira de referencia internacional, situándose entre as dez principais rexións produtoras da Unión Europea.
O presidente tamén destacou o esforzo das granxas en materia de modernización, benestar animal, hixiene e produción ecolóxica, piares que definen o agro moderno e competitivo que defende a Xunta. “Con menos granxas hai máis leite debido á concentración da produción e a que as explotacións se modernizaron e melloraron”, sinalou.
Apoio firme á remuda xeracional
Malia o bo momento do sector, con prezos que manteñen unha tendencia positiva e unha capacidade de transformación na propia comunidade que se sitúa próxima ao obxectivo do 75%, o presidente recoñeceu os retos que aínda ten por diante o rural, como a seguir ampliando a modernización e a remuda xeracional.
Neste sentido, cómpre lembrar o compromiso nos orzamentos de 2026, nos que a Xunta destinará arredor de 24 millóns de euros para facilitar a incorporación de mozos e mozas ao agro e duplicará a partida destinada ao programa de titorización e asesoramento, ou o apoio á transformación que fan as industrias (19,6 M€).
Ademais, a Administración autonómica seguirá ao carón dos gandeiros con ferramentas como o novo Banco de Explotacións –para poñer en contacto a gandeiros que se xubilan con interesados en coller o negocio– ou medidas de sanidade animal para seguir protexendo o alto status sanitario da cabana gandeira galega.
Fondos europeos
O presidente fixo fincapé na necesidade que se manteñan os actuais fondos europeos para o sector primario e así garantir a súa competitividade. “Se queremos que o noso continente siga a desenvolverse non podemos perder o sector primario. Non podemos perder o camiño de modernización que se iniciou hai uns anos. O sector primario necesita recursos para non quedar atrás”, indicou.
Galardoados
Os Premios Exceleite divídense en tres categorías en función do seu sistema de produción –extensivo, semiextensivo e intensivo– e outra que recoñece tamén as mellores explotacións ecolóxicas. En total, outorgáronse 10 premios a 20 galardoados.
Documentos relacionados
- Relación de premiados Exceleite 2025