A Praza de Augas Férreas acollerá durante toda a fin de semana actividades de Nadal para os nenos co apoio da Xunta
A Asociación de Veciños e Comerciantes do barrio lucense organiza a iniciativa ‘Un Nadal de Conto’, que inclúe contacontos, obradoiros, animación musical e xogos, entre outras moitas propostas
Lugo, 19 de decembro de 2025
A Xunta colabora coa Asociación de Veciños e Comerciantes da Praza de Augas Férreas, de Lugo, na iniciativa Un Nadal de Conto, que dinamizará a zona esta fin de semana con contacontos, obradoiros, música, xogos e outras propostas dirixidas ao público infantil e familiar.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e representantes do colectivo organizador, entre eles o seu presidente, Manuel Cerdeira, presentaron hoxe o programa, que comezará esta tarde cun taller sensorial e un contacontos na academia Kids&Us.
Mañá sábado e o domingo haberá numerosas actividades de animación na praza. A xornada de mañá comezará ás 12,00 horas cun contacontos a cargo da Profe Alba, seguido dun obradoiro de cartas e postais de Nadal, cantos de panxoliñas e xogos.
Pola tarde, a partir das 17,00 horas, haberá un taller de adornos navideños e postais, unha firma de libros da escritora Ana Meilán, unha visita de Papá Noel, unha chocolatada e a actuación dun DJ. Ademais, os asistentes poderán desfrutar da presenza de Máximus, a mascota do Breogán, a partir das 19,00 horas.
O programa do domingo comezará tamén ás 12,00 h. con outro contacontos da Profe Alba. A continuación haberá novos obradoiros e xogos. A partir das 17,00 horas celebrarase un bingo de Nadal, ofrecerase unha merenda para os nenos e nenas e pecharase a festa cun sorteo, entre outras sorpresas.
Arias destacou que a Xunta colabora ao longo do ano con asociacións de toda a provincia para impulsar actividades de animación cultural, deportiva e de ocio por todo o territorio.