A Xunta inviste 38.000 euros no acondicionamento da fachada do xulgado da Fonsagrada
A Fonsagrada (Lugo), 19 de decembro de 2025
A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes investiu 38.200 euros no acondicionamento da fachada do edificio do Tribunal de Instancia da Fonsagrada. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dos traballos, orientados a reforzar o illamento tanto dos paramentos como das fiestras.
A actuación respectou as características do inmoble, unha construción tradicional de pedra que se resentira polas adversas condicións da climatoloxía invernal na Montaña lucense. Así, procedeuse a limpar, rexuntar e aplicar nas paredes un tratamento hidrófugo que as protexe e impermeabiliza, e tamén se selaron as fiestras.
Arias explicou que a Xunta programa anualmente obras de conservación e mellora nos edificios xudiciais da provincia para que tanto os traballadores como os usuarios poidan contar cunhas instalacións confortables e eficientes.