A Xunta achega ao mercado da Magdalena de Ferrol unha campaña de concienciación contra o desperdicio alimentario nestas festas
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou nesta iniciativa promovida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e que consistiu na distribución de culleres de madeira cun QR con receitas de aproveitamento das sobras de Nadal
Ferrol, 19 de decembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o mercado da Magdalena, en Ferrol, no marco da campaña de concienciación contra o desperdicio alimentario Nestas datas, que non sobren as sobras!, posta en marcha pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
“A idea é concienciar á poboación sobre a importancia de reducir o desperdicio alimentario nos fogares, especialmente nestas datas de maior consumo e recuperar así eses bos hábitos dos que sempre fixo gala a cultura galega a través de receitas de aproveitamento como caldos, empanadas ou salpicóns, pero dende un enfoque máis moderno”, explicou Martina Aneiros.
A campaña consistirá na distribución nos mercados das principais cidades galegas de máis de 2.000 culleres de madeira cun QR con receitas de aproveitamento das sobras de Nadal. No caso de Ferrol está previsto repartir ao longo da mañá unhas 150 culleres.
A delegada territorial insistiu no compromiso do Goberno galego coa posta en valor dos mercados municipais como espazos de consumo responsable e de produtos de proximidade de primeira calidade e lembrou a importancia de promover hábitos de compra consciente e responsable, á vez que se conciencia ás familias galegas sobre o impacto que supón sobre o medio ambiente o desperdicio alimentario.