A Xunta felicita ao Colexio Couceiro Freijomil de Pontedeume polo seu medio século sendo un referente na educación eumesa

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa nos actos conmemorativos

Pontedeume (A Coruña), 19 de decembro de 2025

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, felicitou hoxe ao Colexio Couceiro Freijomil (Pontedeume) polo seu 50 aniversario. “Medio século no que este centro foi un referente da educación eumesa”, dixo a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.

Neste sentido, destacou a importancia dos colexios, especialmente nas vilas, á hora de construír comunidade. “Nais, pais, fillas e fillos, incluso algunha xeración máis, compartides recordos e vivencias dentro deste colexio, que foi parte fundamental das vosas vidas”, destacou a directora xeral.

Nos actos conmemorativos réndese homenaxe a Antonio Couceiro Freijomil, filólogo, pedagogo, mestre, inspector de ensinanza Primaria e escritor que dá nome ao centro. Contan coa presenza de diferentes membros persoas que pasaron polo colexio ao longo dos seus 50 anos de vida, como alumnos, docentes ou traballadores. O programa de actividades do aniversario inclúe unha exposición fotográfica, xornada de portas abertas e unha chocolatada, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2025