O espectáculo de maxia Reinventio enriquece a programación ‘Nadal en Galicia’

Turismo de Galicia inclúe estas propostas nunha guía na que recomenda a visita a beléns tradicionais, mercados de Nadal e espectáculos para todos os públicos

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2025

A programación ‘Nadal en Galicia’ proposta por Turismo de Galicia enriquécese este ano co espectáculo Reinventio, unha cita de gran formato, que conta co apoio deste departamento, que combina maxia, danza e artes circenses.

Este mesmo sábado, 20 de decembro, o público ourensán poderá gozar do espectáculo de maxia no Auditorio Municipal de Ourense e posteriormente, o 26 visitará o Teatro Afundación de Pontevedra. Un días despois, estará no Auditorio Fuxa os Ventos, de Lugo. O 3 e 4 de xaneiro será a quenda para o público da Coruña, onde vistará o Teatro Colón e finalmente, a xira rematará en Santiago de Compostela, no Auditorio de Galicia. Reiventio tamén estivo no mes de decembro en Ferrol e Vigo.

Reinventio combina números de ilusionismo, acrobacias e danza contemporánea nunha proposta de 90 minutos que aborda a ilusión, a superación e o espírito transformador do Camiño de Santiago. A dirección artística corre a cargo do ilusionista ferrolán Martín Varela, xunto coa coreógrafa Mercedes Suárez e a compañía Druida Danza, profesionais galegos de ampla traxectoria que integran elementos de danza clásica e contemporánea con técnicas circenses innovadoras, acompañadas dun coidado deseño escenográfico, musical e lumínico que reforza o carácter visual e emocional do espectáculo.

Ademáis, baixo a marca Concertos do Xacobeo, hoxe sábado, Morgan actúa en Santiago de Compostela no marco do ciclo musical Intermodal 2025. Precisamente, este mesmo evento incluíu a actuación de Mariza na Coruña a comezos de decembro tamén no marco de Concertos do Xacobeo. Grandes del Gospel, na cidade herculina, e Gilberto Santa Rosa, en Vigo, foron outras citas, impulsadas por Turismo de Galicia dentro de Nadal en Galicia.

Estas citas inclúense na programación de Concertos do Xacobeo que comprendeu este 2025 o apoio da Xunta a 188 concertos, ciclos e festivais que chegaron a 76 localidades de toda Galicia, sumando unha asistencia global de 1,5 millóns de persoas. A celebración de todos estes eventos contribuíron á desestacionalización da actividade turística e da oferta, xa que 33 eventos tiveron lugar no primeiro semestre do ano, ou o que é o mesmo,  o 17% de todos os eventos foron nese período. Ademais, a partir de setembro celebráronse a maior parte de eventos: un total de 58 (31%). En total, o 48% dos concertos se celebraron fora dos meses de verán (xullo e agosto).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/12/2025