A mesa sectorial de Sanidade avanza na negociación da voluntariedade para a cobertura da atención sanitaria nos Puntos de atención continuada
A Consellería de Sanidade e as forzas sindicais representadas na Mesa Sectorial avanzan na concreción da regulación da prestación voluntaria de xornada nos PAC
O Servizo Galego de Saúde informa do proceso para a integración, o vindeiro 1 de xaneiro, das 13 unidades municipais de atención á drogodependencia
Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025
O Edificio Administrativo da Consellería de Sanidade acolleu no día de hoxe unha nova xuntanza da Mesa Sectorial de Sanidade na que se avanzou na negociación do procedemento de voluntariedade para garantir a cobertura sanitaria nos puntos de atención continuada (PAC).
Ante a grave situación de déficit de persoal médico de familia dispoñible, que condiciona a cobertura da atención sanitaria nos puntos de atención continuada, a Consellería de Sanidade e as forzas sindicais representadas na Mesa Sectorial iniciaron nas últimas semanas a negociación dun procedemento que regulará a prestación de xornada voluntaria, na que hoxe deron novos pasos.
Á falta de analizarse parte das achegas formuladas polos sindicatos, na xuntanza de hoxe trasladouse a decisión de incorporar ao procedemento de voluntariedade diferentes modificacións solicitadas polos representantes dos traballadores. Así, entre outras cuestións, o eido de aplicación desa voluntariedade incorporará de forma expresa a categoría de enfermería familiar e comunitaria; concretarase a definición de PAC limítrofe como aquel que linda xeograficamente co de destino dentro dunha mesma área sanitaria; e establecerase un prazo mínimo de dez días hábiles para exercer a opción de voluntariedade.
Así mesmo, na mesa sectorial os representantes da Consellería de Sanidade informaron ás organizacións sindicais sobre o proceso de integración, o vindeiro 1 de xaneiro, das 13 unidades municipais de atención aos drogodependentes no Servizo Galego de Saúde, logo de que os plenos de todos os concellos implicados aprobasen xa os traspasos.