Medio Rural pon en valor a Artesanía Alimentaria galega cun novo Mercado de Nadal en Lugo

A conselleira María José Gómez asistiu hoxe a este evento, que se está a celebrar na Praza da Horta do Seminario de Lugo esta fin de semana e que conta coa presenza de preto dunha trintena de operadores

Destacou que celebracións coma esta enxalzan este selo, conformado maioritariamente por empresas pequenas e que desenvolve un labor fundamental á hora de preservar a cultura e tradición galegas

O mercado estará dinamizado cun amplo programa de actividades que inclúe catas comentadas, degustacións e actuacións musicais; así como obradoiros e outras accións de Nadal dirixidas aos máis pequenos da casa

Lugo, 19 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; visitou hoxe o Mercado de Nadal de Artesanía Alimentaria que se está a celebrar na cidade de Lugo, e co que se busca poñer en valor este selo.

Durante o seu percorrido polos diferentes postos do mercado, que conta coa presenza de preto dunha trintena operadores, a conselleira destacou a importancia deste tipo de eventos para impulsar a comercialización de produtos amparados baixo o distintivo Artesanía Alimentaria, conformado maioritariamente por empresas pequenas, e que desenvolve un labor fundamental á hora de preservar a cultura e a tradición galega. Subliñou que celebracións coma esta propician o contacto directo entre produtores e consumidores, ao tempo que favorece as canles curtas de comercialización e o consumo de produtos de proximidade.

O mercado estará na Praza da Horta do Seminario durante esta fin de semana en horario de mañá e tarde, co obxectivo de que o maior número de xente posible poida achegarse ata el para poder coñecer a diversidade dos produtos agroalimentarios artesáns. Nel poderán atoparse unha ampla variedade de produtos como viños, mel, embutidos, marmeladas, queixos, doces, galletas, bombóns ou incluso froita deshidratada.

Ademais dos postos dos operadores adheridos a este selo e outros distintivos como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas, a Consellería do Medio Rural preparou un amplo programa de actividades que inclúe catas comentadas, degustacións e actuacións musicais. Os máis pequenos da casa poderán asistir a obradoiros infantís e outras accións pensadas especialmente para esta época do ano, como as visitas de Papá Noel e o Apalpador con reparto de chocolate quente.

Aposta pola calidade diferenciada

María José Gómez explicou que este é o último dos Mercados de Nadal organizados este ano e que nas anteriores edicións, en Ferrol e Ribadavia nas pasadas semanas, gozaron dunha gran afluencia de persoas, amosando a importancia destas iniciativas para impulsar o consumo de produtos agroalimentarios artesáns. Así, lembrou que a promoción destas elaboracións é unha prioridade para o Goberno galego, que aposta polas producións con certificación de orixe galega dun xeito transversal.

A celebración destes mercados enmárcase no Plan Saborea Calidade Diferenciada posto en marcha pola Consellería do Medio Rural para promocionar os distintivos selos que existen na comunidade, e que no 2026 contará cun orzamento de 10 millóns de euros, dous máis que neste 2025, cos que seguir impulsando estes produtos que son unha mostra da Galicia Calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/12/2025