A Xunta licita por máis de 105.000 € o mantemento preventivo, correctivo e de actualización tecnolóxica do equipamento do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia
As instalacións contan con equipos de identificación e confirmación analítica na área de físico-química e na área de microbioloxía, vencellados aos controis de sanidade ambiental e seguridade alimentaria
O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, situado en Lugo, analizou o pasado ano máis de 15.000 mostras
As empresas interesadas neste contrato dispoñen ata o 9 de xaneiro de 2026 para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publica no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por 105.705,60 euros, da contratación do servizo de mantemento preventivo, correctivo e de actualización tecnolóxica para diverso equipamento do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, situado na cidade de Lugo.
O laboratorio dispón de distintos equipamentos de identificación e confirmación analítica, tanto na área de físico-química como na área de microbiología, cos que realiza as analíticas dos programas de sanidade ambiental e seguridade alimentaria.
Estes equipos están a funcionar continuamente e é imprescindible garantir unhas óptimas condicións de funcionamento para asegurar a fiabilidade das analíticas.
Polo tanto, é necesario realizar un mantemento destes equipos para incrementar a súa dispoñibilidade, reducindo o impacto das avarías sobre a actividade do laboratorio á vez que se prolonga a súa vida útil, mantendo parámetros de seguridade e respectando a normativa vixente.
Primeiro laboratorio de saúde pública acreditado de España
Por outra banda, o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia está acreditado ante a Entidade Nacional de Acreditación segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17025. Esta acreditación foi acadada no ano 1998, sendo no seu momento o primeiro laboratorio de saúde pública que se acreditou en España.
Nesta norma especifícase que os equipos de laboratorio con influencia en ensaios deben estar sometidos a un mantemento planificado para asegurar o seu funcionamento e previr a súa deterioración. Así, o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia está acreditado conta, dentro do seu sistema de calidade, cun programa de mantemento preventivo e correctivo de todos os equipos empregados nos procedementos de traballo acreditados.
O Laboratorio de Saúde Pública de Galicia analizou o pasado ano máis de 15.000 mostras, das que o 60 % se corresponden con análises relacionadas coa seguridade alimentaria.
As empresas interesadas neste contrato dispoñen o 9 de xaneiro de 2026 para presentar as súas ofertas.