A Xunta apoia o XVI Torneo Nacional de Fútbol 7 que organiza en Lugo ‘Peña de Árbitros’ os días 26 e 27 de decembro

A Delegación Territorial acolleu hoxe a presentación da cita, na que se agarda a participación duns 350 membros do colectivo arbitral de todo o país

Lugo, 22 de decembro de 2025

A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe a presentación do XVI Torneo Nacional de Fútbol 7, que organiza para os días 26 e 27 de decembro en Lugo a Peña de Árbitros 9,15. O Goberno galego colabora coa iniciativa.

O delegado territorial, Javier Arias, e membros da entidade promotora explicaron os detalles do encontro, que reunirá na capital lucense a membros do colectivo arbitral de varios puntos de España.

A organización agarda a participación dunhas 350 persoas, que formarán os equipos que representarán as diferentes delegacións. Entre os lugares de procedencia figuran Lugo, Monforte de Lemos, Viveiro, Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo, Canarias, Asturias, Palencia, León, Valladolid e Salamanca.

O día 26 celebrarase a cea de benvida para as delegacións participantes. Os partidos xogaranse o día 27 no campo do Polvorín, dende as 8,00 ata as 22,00 horas. Pola mañá disputaranse os partidos correspondentes á primeira fase, a de grupos, e xa pola tarde xogaranse os partidos correspondentes á segunda fase entre os equipos clasificados.

Arias felicitou á asociación organizadora pola traxectoria deste evento de confraternidade, “que cada ano gaña en expectación e aceptación entre o público lucense, e que é xa un referente para os árbitros a nivel nacional”. Puxo tamén en valor o traballo deste colectivo, “non sempre ben valorado, pero que xoga un papel fundamental para o desenvolvemento do fútbol no noso país”. Destacou ademais a destacada contribución desta cita á dinamización económica e á promoción de Lugo e da provincia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/12/2025