O grupo de traballo constituído para potenciar o Ifevi dá os primeiros pasos co obxectivo de axilizar a elaboración do Plan Funcional e o Plan Estratéxico
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na primeira reunión do grupo de traballo creado para elaborar ambos documentos, acordando os vindeiros fitos a cumprir para avanzar coa máxima celeridade nesta meta
Na xuntanza acordouse poñer en común, antes de que remate o ano, as principais necesidades e liñas de actuación, como melloras operativas, cuestións relacionadas cos accesos e aparcamentos ou a reordenación de espazos, entre outros
Este labor permitirá en xaneiro que unha nova reunión deste grupo analice o borrador de prego técnico que servirá de base para a futura licitación da asistencia técnica deste proxecto, a desenvolver sempre da man dos actores integrados neste espazo
En paralelo ao traballo do grupo, a Xunta, Concello de Vigo e Zona Franca veñen de consensuar a realización dunha nova valoración do recinto que se encargará a través do Ifevi co obxectivo de avanzar cara a gobernanza tripartita da infraestrutura
A Xunta remarca a importancia de que que isto non supoña frear os traballos en marcha e sinala que é un reflexo da man tendida que vén demostrando o Goberno galego co obxectivo final de potenciar o Ifevi e citas estratéxicas como Conxemar
Vigo, 22 de decembro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na primeira reunión do grupo de traballo creado baixo a petición unánime do Padroado do Ifevi co gallo de deseñar, no menor prazo posible, o Plan Funcional e o Plan Estratéxico do recinto.
O primeiro cometido deste grupo foi definir hoxe os vindeiros fitos a cumprir para avanzar coa máxima celeridade na elaboración de ambos documentos, os cales deberán ser posteriormente presentados e ratificados polo Padroado. Así, durante a xuntanza, acordouse poñer en común, antes de que remate o ano, as principais necesidades e liñas de actuación que cómpre analizar, entre as que se inclúen melloras operativas, cuestións relacionadas cos accesos e aparcamentos, e a reordenación de espazos, entre outros aspectos. Esta labor previa permitirá que, en xaneiro, se celebre a seguinte reunión do grupo para revisar o borrador do prego técnico que servirá de base para a futura licitación da asistencia técnica do proxecto do Plan Funcional e Estratéxico, que se desenvolverá sempre da man dos membros público-privados incluídos neste espazo de traballo.
Alén puxo de manifesto que tanto o Plan Funcional como o Estratéxico son ferramentas clave para orientar o desenvolvemento futuro do complexo con criterios de planificación, eficiencia e visión a longo prazo. Neste contexto, lembrou que o obxectivo e principal misión deste grupo de traballo é avanzar coa máxima dilixencia, sen renunciar en ningún momento ao rigor técnico nin á calidade, pero co horizonte posto en que o Ifevi poida dispoñer canto antes dunha folla de ruta sólida, en beneficio de Vigo e da súa área de influencia. Ademais, remarcou o carácter técnico do grupo, o que garante —enfatizou- un traballo baseado no coñecemento, na profesionalidade e na obxectividade, reforzando así a credibilidade e solvencia das decisións que se adopten ao longo do proceso.
Tal e como se acordou por unanimidade do Padroado o pasado 12 de decembro, forman parte deste grupo representantes da Xunta de Galicia, do Concello de Vigo, da Deputación de Pontevedra, da Confederación de Empresarios de Pontevedra, da Cámara de Comercio de Pontevedra, da Mancomunidade de Vigo e da Zona Franca. Tamén se integran Conxemar, Navalia e o Salón do Automóbil, en liña co compromiso de avanzar na mellora do recinto contando cos seus usuarios estratéxicos.
Gabriel Alén sinalou que este é un espazo de entendemento público-privado clave para definir e culminar con todas as garantías e da forma máis áxil os documentos que se inserirán nos vindeiros meses na folla de ruta da Fundación Ifevi.
Nova valoración do recinto
De xeito paralelo ao traballo do grupo de traballo, e co obxectivo de reforzar a transparencia e a confianza institucional, o pasado xoves a Xunta, Concello de Vigo e Zona Franca consensuaron a realización dunha nova valoración homologada que se encargará a través do propio Ifevi, remarcando desde o Goberno galego a importancia de que este estudo non supoña frear nin atrasar os traballos que xa están en marcha.
Este acordo é un reflexo da man tendida ao Concello de Vigo e á Zona Franca que vén demostrando a Xunta e agarda que sexa un primeiro paso cara á efectiva implantación dun futuro modelo de gobernanza baseado nun sistema tripartito de toma de decisións por unanimidade entre a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e a Zona Franca.