O director de Augas de Galicia visitou as instalacións para supervisar a evolución dos traballos

A Xunta avanza nas obras de reparación da presa de Eiras para asegurar o abastecemento de auga a Vigo e á súa área metropolitana

A actuación, cun investimento de preto de 2,3 M€, consiste na substitución das catro válvulas -dúas delas moi danadas- que regulan o fluxo de auga que se envía á ETAP do Casal como paso previo á subministración a 400.000 persoas da contorna

Xa se está a construír un sistema de bombeo provisional que é imprescindible para baleirar e illar a torre de toma de auga e garantir o abastecemento de auga á poboación durante estes traballos

O director de Augas de Galicia incide en que o Concello de Vigo en ningún momento notificou a existencia de incidencias malia que o persoal municipal ou concesionario manipula en exclusiva esas válvulas diariamente

A previsión é que o servizo estea restaurado sen risco na vindeira primavera

Fornelos de Montes (Pontevedra), 23 de decembro de 2025

A Xunta avanza nas obras de reparación da presa de Eiras para asegurar o abastecemento de auga á cidade de Vigo e á súa área metropolitana, segundo declarou hoxe o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, durante a súa visita ás instalacións para supervisar a evolución dos traballos iniciados a comezos de mes.

Segundo explicou Roi Fernández, a actuación, que conta cun investimento de preto de 2,3 millóns de euros, consiste na substitución das catro válvulas de toma de auga -dúas delas moi danadas- que regulan o fluxo de auga que se envía á estación de tratamento de auga potable (ETAP) do Casal como paso previo á subministración á poboación da contorna, máis de 400.000 persoas entre os concellos de Vigo, Cangas Moaña, Redondela, Soutomaior, O Porriño, Mos, Salceda de Caselas e Vilaboa. A maiores, tamén se reporán as bases de formigón, a renovación de todo o sistema de cables e a posta en servizo de todos os equipamentos aparellados.

Para garantir o abastecemento de auga durante estes traballos, xa se está a construír un sistema de bombeo provisional (bypass) que é imprescindible para baleirar e illar a torre de toma de auga. Así, unha vez estea en funcionamento esta alternativa, realizaranse as probas das válvulas e comportas da torre de toma, baleirarase o tanque de disipación para tomar medidas, fabricar escudos e proceder ao cambio das válvulas.

Logo de indicar que a previsión é que o servizo estea restaurado sen risco na vindeira primavera, o director de Augas de Galicia lembrou que, aínda que a presa é titularidade autonómica, o accionamento das válvulas é responsabilidade exclusiva municipal no exercicio da súa concesión de abastecemento.

Nese sentido, incidiu en que o Concello de Vigo en ningún momento notificou a existencia  de incidencias neses elementos que poden poñer en risco o abastecemento á veciñanza malia que o persoal municipal ou concesionario manipula as válvulas diariamente, o que lle permite constatar o seu evidente deterioro.

En concreto, dúas destas catro válvulas de toma de auga exteriorizaron danos que o Concello sabía e aceleraron o risco de fallo en plena actividade, o que podería derivar en interrupcións do servizo, motivo polo que foi preciso recorrer á vía de emerxencia para acometer a súa reparación o antes posible.

Ante a gravidade da situación, o Goberno galego resérvase a posibilidade de emprender no futuro accións para reclamar a responsabilidade do Concello pola súa actuación neglixente.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/12/2025