A Xunta dá luz verde ambiental á delimitación de solo de núcleo rural de Valboa, no concello de Pantón, co fin de recuperar esta aldea abandonada
O informe ambiental estratéxico da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé impactos significativos na contorna sempre que se cumpra cos condicionantes incluídos no documento
O ámbito de actuación da iniciativa, promovida polo Goberno local, busca a recuperación e revitalización social, económica e funcional dun espazo de algo máis de 14.000 metros cadrados de superficie
Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental á delimitación de solo de núcleo rural de Valboa, na parroquia de Vilar de Ortelle, no concello lucense de Pantón. O obxectivo da iniciativa, promovida polo Goberno local, é recuperar esta aldea abandonada.
O informe ambiental estratéxico emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que sairá publicado proximamente no Diario Oficial de Galicia, establece que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes incluídos no documento.
Entre as cuestións nas que inciden está o mantemento da morfoloxía e estrutura orixinal do asentamento e a conservación dos seus valores patrimoniais e paisaxísticos; a protección dos valores culturais existentes na contorna; a adopción de solucións ao abastecemento de auga e unha adecuada xestión das augas residuais; ou a inclusión de forma explícita dunha zonificación acústica da superficie de actuación.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a consulta dos organismos públicos interesados e tanto o borrador como o documento ambiental estratéxico estiveron publicados no portal web da Consellería para que o público en xeral puidese consultalos e facer as observacións ou suxestións que considerase oportunas.
Unha vez emitido o informe ambiental estratéxico, remítese ao promotor -o Concello de Pantón- e ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Vivend– e Planificación de Infraestruturas- xunto cos informes recibidos na fase de consultas previas e farase público mediante publicación tanto no DOG como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
O obxecto do proxecto presentado polo Goberno local de Pantón é recuperar e revitalizar social, económica e funcionalmente esta aldea que actualmente está en estado de abandono. O ámbito de actuación é un espazo de máis de 14.000 metros cadrados na beira do canón do río Miño (encoro dos Peares), nunha zona que abrangue varias vivendas tradicionais e construcións anexas (adegas ou almacéns de ferramentas, entre outras) e avanzado estado de abandono e antigos terreos destinados a cultivo (principalmente de viñedos e oliveiras) en socalcos.
Neste núcleo hai algúns elementos, como muros de ladrillo visto ou cubertas de chapa metálica, que desvirtúan a imaxe tradicional da aldea. Precisamente, na proposta clasifícase o ámbito como solo de núcleo rural tradicional e identifícanse as parcelas edificadas e as non edificadas, distinguindo as de interese paisaxístico, e o viario público. A delimitación proposta está vencellada ao obxectivo de recuperar a estrutura do núcleo coa previsión de complementos de nova edificación moi limitados.