O Observatorio do sector lácteo comeza a traballar co fin de facer un seguimento continuado deste eido

A conselleira do Medio Rural presidiu hoxe a constitución deste órgano colexiado de asesoramento, consulta e análise deste eido produtivo

Coa nova regulación, modificouse a composición do Observatorio, para acoller a todos os elos da cadea de valor do leite

Ademais, engadiuse entre as súas funcións o estudo da cadea de valor e das relacións comerciais e contractuais, tendo en conta a importancia que esta materia ten no tecido do sector lácteo e na determinación dos prezos

Boqueixón (A Coruña), 23 de decembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, acompañada polo director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, presidiu este mediodía a constitución do Observatorio do sector lácteo de Galicia, órgano colexiado de seguimento, asesoramento, consulta e análise deste eido produtivo.  Esta reunión ten lugar trala entrada en vigor do decreto que actualizou a regulación deste órgano e que, entre outros obxectivos, persegue facer un seguimento continuado do sector e mellorar o seu funcionamento.

O Observatorio vén funcionando dende a súa creación no ano 2007, pero o tempo transcorrido dende aquela e os cambios experimentados nestes anos na produción e na industria, así como na evolución do consumo e dos mercados do leite e dos produtos lácteos a nivel nacional e internacional, aconsellaron adaptalo á realidade actual e así se fixo coa aprobación dun decreto específico.

Así, modificouse a súa composición para acoller a todos os elos da cadea de valor do leite: produción, industria, distribución e consumo. Así mesmo, redefiníronse as funcións da presidencia, da secretaría e das vogalías que o conforman (21 en total). Neste sentido, cómpre destacar a incorporación a unha das vogalías da organización de produtores lácteos de Galicia con maior representatividade. Esta incorporación obedece á necesidade de que no Observatorio figuren representados todos os sectores que traballan directa ou indirectamente no sector lácteo.

Grupos de traballo con expertos externos

Asemade, co fin de fortalecer o seu funcionamento ordinario, permítese a creación de grupos de traballo coa participación de persoas expertas no sector lácteo alleas ao Observatorio. Outra das novidades salientables, canto ás súas funcións, é o feito de engadir entre elas o estudo da cadea de valor e das relacións comerciais e contractuais, pola importancia que esta materia ten no tecido do sector lácteo e na determinación dos prezos.

Na orde do día desta xuntanza avaliouse a situación actual e as perspectivas de evolución futura do sector lácteo tanto en Galicia como no ámbito nacional e internacional e avanzouse na proposta de novo agrupamento de tramos de produción, para o que se creou un grupo de traballo específico.

O sector lácteo é estratéxico dentro do medio rural galego. Galicia é líder indiscutible en España, producindo o 42 % do leite e concentrando a metade dos gandeiros. Ademais, consolídase como novena rexión da UE en produción, tras escalar recentemente un chanzo na listaxe europea.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/12/2025