Villaverde aborda coas confrarías de Porto do Son e Portosín o impacto dos TACs na frota do cerco

A conselleira mantén contacto directo e permanente co sector, que se intensificou no Consello Galego de Pesca do pasado venres na busca de solucións a uns topes de capturas  “lesivos para Galicia”

Tamén se analizou a colaboración que a Xunta mantén con estes colectivos desde o 2009, e que ascende a preto de 38 M€

Porto do Son (A Coruña), 23 de decembro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou este martes as confrarías de Porto do Son e Portosín, onde seguiu sumando apoios ante o “acordo lesivo para Galicia” pechado en Bruxelas polos ministros de Pesca da Unión Europea sobre os TACs e cotas para especies de especial relevancia en Galicia e, nomeadamente, nesta comarca. É o caso da xarda, cuxa posibilidade de captura experimentará un recorte do 70 % con respecto ao ano en curso.

A xuntanza dá continuidade á fronte común intensificada o pasado venres polo Consello Galego de Pesca con motivo das negociacións, e na que a Consellería do Mar presentou un amplo paquete de propostas, coas que facer fronte ás consecuencias deste acordo e de que a frota poida seguir faenando. Por iso, a responsable autonómica insistiu na petición da Xunta de que, como mínimo, se manteña para as tres especies afectadas -xarda, lirio e abadexo-, a mesma cota asignada a España en 2025.

“É tempo de non darlle as costas a Galicia, polo que o ministro debe seguir negociando, debe presentar argumentos socioeconómicos sólidos, buscar apoios de outros Estados membros e aproveitar os espazos políticos para intentar atenuar os recortes e mellorar as condicións de xestión do sector pesqueiro”, afirmou.

E é que a xarda atópase nunha asignación de cota provisional cun forte descenso do 70 % con respecto a 2025, o que podería provocar un impacto económico directo de entre 26,5 e 28,4 millóns de euros e un indirecto de entre 37,1 e 39,7 millóns. No caso do lirio, a redución do 41 % respecto do 2025 e do 44 % fronte ao 2024, implicaría unha merma da actividade que oscilaría entre os 5,4 e os 11,3 millóns de euros. Polo que respecta ao abadexo, que tivo unha rebaixa do 36 % no 2025 e outra redución adicional do 13 % de media para 2026 e 2027, as perdas poderían oscilar entre os 1,7 millóns de euros para a frota de palangre e os 14,8 millóns se se chegara a paralizar a actividade do conxunto das frotas afectadas.

Apoio da Xunta

No transcurso da visita, Villaverde tamén afondou na aposta inversora que o Goberno galego realiza neste concello desde o 2009 e que ascenden ata a actualidade a preto de 38 millóns de euros. Un esforzo inversor que está a impulsar a industria transformadora e comercializadora local, a produción marisqueira con recuperación dos bancos e a mellora das infraestruturas portuarias e condicións de vida dos seus traballadores

Coincidindo con estas datas festivas, Villaverde tamén se interesou pola actividade que están a rexistrar estes días as lonxas. No caso da de Portosín, este ano xa se comercializaron máis de 4 millóns de quilos, que acadaron un valor no mercado duns 4 millóns de euros. Polo que respecta á de Porto do Son, poxáronse 1,2 millóns de quilos, que acadaron un valor superior aos 1,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Mar
Data de actualización: 23/12/2025