Belén do Campo asistiu ao concerto solidario 'Un recordo feito música' a favor de Parkinson Galicia-Coruña
A Coruña, 23 de decembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, asistiu hoxe ao concerto solidario “Un recordo feito música”, organizado pola familia Amaro Caamaño en colaboración coa Asociación Parkinson Galicia-Coruña. O evento contou cun programa musical variado interpretado por alumnos do Colexio Obradoiro, músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) e coa participación especial do artista Andrés Suárez. A recadación irá destinada a apoiar as accións e proxectos da asociación
O concerto busca contribuír ao apoio e visibilización das persoas afectadas pola enfermidade de Parkinson, así como fomentar a recollida de fondos para os programas e proxectos desta asociación.
A delegada da Xunta destacou a importancia deste tipo de iniciativas solidarias, que combinan a cultura e a música coa solidariedade, e felicitou á organización pola iniciativa, subliñando que “estes actos permiten unir á sociedade en torno á causa e visibilizar o traballo imprescindible que realiza Parkinson Galicia-Coruña en apoio das persoas afectadas e das súas familias”.