A Xunta inviste máis de 100.000 euros no mercado coruñés de San Agustín de cara á súa integración na rede galega de Mercados Excelentes
A Coruña, 26 de decembro de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou hoxe na Coruña o Mercado Municipal de San Agustín, onde puxo de relevo os máis de 100.000 euros destinados pola Xunta á instalación dun sistema de xeración de xeo que lle posibilite a consecución do selo de Mercado Excelente. Alí, sinalou que esta achega autonómica sucedeu á do ano pasado dirixida á realización de accións de mentorización e de actuacións de formación das praceiras e praceiros e para a elaboración da diagnose da situación e usos do mercado.
O director xeral salientou que —no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030— consolidaranse o ano que vén as achegas a prol da creación dunha rede de Mercados Excelentes, coa previsión de acadar en 2026 a decena deste tipo de instalacións nunha lista que actualmente ocupan Tomiño, Vilagarcía de Arousa, Pontedeume e Carballo. En 2030, o obxectivo é chegar aos 25 Mercados Excelentes en toda Galicia.