A Xunta distingue a capacidade de superación de 20 estudantes da ESO cos Premios Extraordinarios

Os galardóns ao rendemento académico do curso 24/25 poñen en valor o esforzo, a constancia e a excelencia deste alumnado fronte a diferentes dificultades

Cada premiado recibirá unha bolsa económica de 1.000 euros

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia vén de distinguir a 20 estudantes cos Premios extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2024/25. Trátase dun recoñecemento especial a unha serie de alumnos cunha forte capacidade de superación fronte a dificultades tanto de carácter persoal como educativo ou do seu contorno.

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional resolve esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia para premiar unha vintena de traxectorias exemplares ao longo desta etapa formativa a prol da igualdade de oportunidades.

Estes recoñecementos teñen como finalidade salientar publicamente o compromiso, a dedicación e o aproveitamento académico do alumnado, ao tempo que contribúen a reforzar un sistema educativo baseado na excelencia, a equidade e o desenvolvemento persoal. As candidaturas foron propostas polos docentes dos centros atendendo ao esforzo continuado e á capacidade de superación demostrada ao longo da ESO.

O Goberno galego dota cada un destes premios cunha contía de 1.000 euros. Ademais destas bolsas, as persoas distinguidas recibirán un diploma acreditativo e a concesión quedará reflectida no seu expediente académico. Estes galardóns son compatibles con outras axudas ou premios outorgados por administracións públicas ou entidades públicas ou privadas, tanto de ámbito nacional como internacional.

A relación de centros onde estuda o alumnado distinguido é a seguinte:

 

Concello

Centro educativo

A Estrada

IES Avelina Valladares

As Pontes de García Rodríguez

IES Moncho Valcarce

Cambre

IES Afonso X O Sabio

Culleredo

IES Eduardo Blanco Amor

Ferrol

IES Ferrol Vello

Lugo

IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes

Malpica

IES Urbano Lugrís

Oleiros

IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas

Oleiros

IES Plurilingüe Xosé Neira Vilas

Ourense

IES Eduardo Blanco Amor

Ourense

CPR Plurilingüe Santa Teresa de Jesús

Redondela

IES de Chapela

Redondela

IES de Chapela

Ribadeo

IES de Ribadeo Dionisio Gamallo

Rois

CPI Plurilingüe dos Dices

Santiago de Compostela

CPR Plurilingüe Ntra. Sra. de los Remedios

Sanxenxo

IES de Vilalonga

Tomiño

IES Antón Alonso Ríos

Vigo

IES Carlos Casares

Vigo

IES Alexandre Bóveda

 

Data de actualización: 26/12/2025